Historia urbana de Birmingham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia urbana de Birmingham ten como antecedentes sinalables un asentamento da idade de pedra (8400 aC) descuberto a carón do centro da cidade e un forte romano ó suroeste (Metchley Fort, a uns 4km [1]) que existíu cun pequeno vicus adosado entre o ano 43 e o 120 da nosa era.

Durante o século VII a colonización das Midlands polos anglosaxóns da por segura a fundación neste tempo de moitos asentamentos na área da metrópole actual (tribus Beormingas cun líder, tal vez ancestral, Beorma), incluíndo o da propia Birmingham pouco despois do 600 como máis tarde, pero aínda non se atoparon achados da súa localización ou disposición concretas (aldeas, granxas dispersas ou unha posesión estensa cun centro de poder).

O mercado do Bull Ring[editar | editar a fonte]

Birmingham Manor co foxo nun plano do s.XVIII;
St Martin e o Bull Ring á dereita.

De 1086 data a primeira mención de Birmingham (Domesday Book) coma unha aldea xunto a un pequeno pazo señorial (manor). Seica éste debeu creceres nas décadas seguintes coma pazo fortificado arrodeado dun foxo circular a carón do cativo río Rea.

Entre 1154 e 1166 prodúxose o acontecemento decisivo no nacemento da cidade: Peter de Birmingham (Lord of the Manor daquela) obtivo a carta real para poder celebrar un mercado semanal no lugar (unha das primeiras concesións en Inglaterra), co plan inmediato de fundar unha vila (burgo) para tal fin.

De seguida un espazo triangular ó norte do manor (éste refeito en pedra neste tempo) foi habilitado coma mercado (chamado co tempo Bull Ring) e vendidos os postos. Unha rede de camiños chegou ó lugar dende a rexión circundante (o gran eixo N-S de High Street-Digbeth, Edgbaston Street cara ao oeste) cun vado no Rea (ó final de Digbeth a ponte en Deritend). Probablemente tamén nesta época surxíu a primeira igrexa de St Martin no Bull Ring (documentada en 1263) pechando a praza do mercado polo sur [2].

A xa denominada vila de Birmingham (con institucións burguesas independentes do manor dende alomenos 1250) asiña prosperou coma importante centro de artesáns e comerciantes das Midlands (a terceira no século XIV) cunhas incipientes e variadas industrias (téxtil, coiro, ferro, cerámica, orfebrería entre outras). Abríronse novas rúas (New Street, Moor Street e Park Street todas arredor de 1300) irradiando das inmediacións do Bull Ring [3].

No século XIV unha cadea de calamidades (gran incendio, épocas da fame, peste negra) detiveron o crecemento e a mala situación económica prolongouse durante o século XV.

A idade dos metais[editar | editar a fonte]

No século XVI comezou unha lenta recuperación da mán da manufactura e comercio do ferro e aceiro asociada á riqueza mineira do Black Country no noroeste da vila. Ademais Birmingham acadou caseque unha autonomía de feito ao caer o señorío dos Birmingham (1536, aínda que foi vendido non residíu alí en adiante ningún aristócrata). No século XVII era xa un prestixioso centro da metalurxia e productor de armas (significativa participación na revolución inglesa de 1642 do lado parlamentarista).

Berce da Revolución Industrial[editar | editar a fonte]

Mapa da vila en 1731, xusto antes da revolución industrial (N á dereita cos desenvolvementos de St Phillips e Old Square).

No século XVIII a semente comercial do medievo e a manufactureira das dúas centurias anteriores xermolaron con tal brillantez e dinamismo emprendedor que converteron a Birmingham nuhna avanzada da revolución industrial. A conxunción da investigación intelectual e científica (a Sociedade Lunar con nomes coma Priestly, Boulton ou Watt) coa súa aplicación práctica inmediata no eido fabril (máquinas de vapor na produción téxtil) levaron a un explosivo crecemento industrial da cidade que a finais de século foi chamada “a primeria vila manufactureira do mundo” ou "o taller do mundo". Asemade surxíu un importante sector financeiro (Lloyds Bank).

North-Prospect-of-St-Philips-Church-in-Birmingham.jpg

O desenvolvemento urbano tivo o norte, na cima do outeiro que ascendía dende o Rea pasando polo Bull Ring [4], como primeira área de expansión, a carón da nova igrexa de St. Phillips (1715, futura catedral) e arredor da Old Square (1713).


Novas infraestructuras para un tempo novo[editar | editar a fonte]

Mapa de 1834: os desenvolvementos do N e O.

Entre 1769 e 1830 unha completa rede de canais (260 km na rexión) uníu Birmingham tanto coas áreas de provisión de materias primas [5] como coas prazas de venta dos seus productos. O ferrocarril chegou poco despois (1837 [6]) e para 1854 era xa un nó do sistema ferroviario británico [7].

Centro de Birmingham na época vitoriana: New Street e St Martin no Bull Ring ao fondo; o anel industrial do surleste da urbe fumega ó lonxe (1886).

A urbe seguíu a creceres cara ó norte engadindo agora a expansión ó noroeste e oeste. En 1835 Birmingham conseguíu oficialmente a autonomía municipal (cidade en 1889) e un centro cívico (Victoria Square co edificio do Concello, 1879 e o Town Hall, 1834) comezou a se conformares ao final da New Street, rúa que deviría a principal arteria unindo o antigo centro medieval no Bull Ring co novo vitoriano antedito, e a carón da que tamén erixíuse a estación central [8].

O espectacular incremento poboacional que levaba emparellado o industrial prodúxose entre a metade do século XIX (fundamentalmente inmigración dende Irlanda trala gran época da fame) e a da seguinte centuria cando Birmingham converteuse na segunda aglomeración do Reino Unido e unha das vinte maiores do mundo (1.250.000 en 1900).

Coma no resto das primeiras cidades industriais as condicións habitacionais das clases traballadoras eran degradantes e os slums proliferaban. Durante o cuarto final do século (mandato do alcalde J. Chamberlain) un ambicioso plan (modélico para outras cidades) de medidas sanitarias e modernizadoras foi implementado (augas, sumidoiros, parques, gas e electricidade). Unha nova rúa, Corparation Street, foi aberta no centro da vila (nunha área de slums entre New Street e a Old Square) converténdose rápidamente en importante rúa comercial.

Século XX[editar | editar a fonte]

No século XX Birmingham continuou o seu período de prosperidade (no que as dúas guerras mundiais foron determinantes para a carga de traballo dunha rexión industrial) cun desenvolvemento urbano progresivamente metropolitano (grandes plans de vivenda social e privada no extrarradio) [9][10].

Porén, nos anos cincuenta foi evidente unha progresiva perda do poder municipal substituída por decisións do goberno central que explicitamente decidiron limitar o crecemento "excesivo" da metrópole en beneficio de áreas do país deprimidas. A crise dos anos setenta rematou co colapso da economía industrial da cidade con perda masiva de empregos e un declive social e urbano.

St Martin no Bull Ring arrodeada do novo complexo comercial (almacéns Selfridges de Future Systems á dereita)

Entre os plans de revitalización que téñense levado a cabo nas últimas décadas destaca a intervención no antigo corazón da vila, o Bull Ring, cun vasto complexo comercial (2003, almacéns Selfridges de Future Systems).

En marcha hai outro plan de rexeneración do centro da cidade. Chamado Big City Plan contempla un desenvolvemento de dúas décadas con proxectos tales como a renovación da estación central de New Street e da biblioteca da vila, rañaceos xunto ao Bull Ring e un novo parque ao leste do centro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Metchley Fort, pdf (1,2Mb) [1]
  2. Recreación da Birmingham medieval (ao fondo ó norleste); Tracy Worrall:
    embaixo á dereita o río Rea coa ponte Deritend; subindo a Digbeth ata St Martin e o Bull Ring de diante deixamos a esquerda o Birmingham Manor co foxo; máis alá do mercado pérdese a High Street; Edgbaston Street embaixo á esquerda cara ao oeste
    [2]
  3. Mapa esquemático do centro de Birmingham en 1553 (N na esquiña superior esquerda) [3]
  4. Vista de Birmingham dende o leste: St Phillips dominando dende o cume do outeiro (1732) [4]
  5. Mapa do canal do Black Country dende Birmingham [5]
  6. Mapa de Birmingham en 1839: canais arrodeando a cidade e os primeiros ferrocarrís chegando polo surleste [6]
  7. Outro mapa (1845) coa cidade e a súa completa rede de infraestructuras [7]
  8. Mapas de detalle do centro de Birmingham (1900) [8]
  9. Mapa da área metropolitana de Birmingham, 1922 [9]
  10. Mapa da aglomeración de Birmingham no conurbado das West Midlands [10]