Gandia
| Gandia | |
|---|---|
| Situación xeográfica | |
| Estado: | España |
| Comunidade autónoma: | País Valenciano |
| Provincia: | Valencia |
| Comarca: | Safor |
| Xeografía | |
| Altitude: | 22 msnm |
| Superficie: | 60,8 km² |
| Poboación | |
| Poboación total: | 79.958 hab. (2008) |
| Densidade de poboación: | 1.273,37 hab./km² |
| Xentilicio: | Gandiense |
| Información | |
| Código postal: | 46701 - 46703 |
| Alcalde: | Arturo Torró Chisvert (PP) |
| Sitio na web: | Ajuntament de Gandia |
Gandia é unha cidade do País Valenciano, capital da comarca da Safor. Está moi preto da costa e á beira do río Serpis. A súa poboación está ao redor dos 80.000 habitantes.
Índice |
Xeografía [editar]
O municipio de Gandia abarca 61,5 km2. Áchase nunha localización privilexiada entre o mar Mediterráneo, con magníficas praias de area dourada: a de Ahuir, con sector nudista incluído, a de Venecia, a Norte e máis a de Rafalcaíd, a montaña: o Montdúver (841 m) e máis a horta, regada polo Serpis.
Clima [editar]
O clima de Gandia é mediterráneo pluvioso, con moita humidade, tanto en inverno como en verán. As choivas, aínda que son bastante abundantes, concéntranse no outono e poden seren espectaculares. De feito Gandía ten un rexistro de precipitacións máximas en 24 horas de 720 mm., que se recolleron o 3 de novembro de 1987. Con ocasión desa "gota fría" Gandia achegou en dous días 844 mm., rexistro só superado pola veciña poboación de a Xàbia. Polo tanto está suxeita a fortes inundacións, sobre todo na beira do río Serpis.
Economía [editar]
Na actualidade o sector económico principal de Gandia é o turismo, que fan do concello unha potencia do ramo, e, como consecuencia arrastra dos servizos e do sector inmobiliario. O sector industrial non carece de importancia, mentres que a dedicación agrícola só ocupa un 4% da poboación activa.
Historia [editar]
Prehistoria e Historia Antiga [editar]
As covas de Parpalló e as das Meravelle, paleolíticas, mostran os restos máis antigos poboamento na zona. Tamén está constatado o paso dos iberos e dos romanos.
Idade Media [editar]
Aínda que a procedencia da cidade é árabe, non é até 1240, momento da ocupación cristiá do castelo de Bairén por Xaime I, cando se pode falar dun núcleo urbano; até entón Gandia era una viliña que vivía do cultivo da cana de azucre. O amurallamento da localidade propiciou o agrupamento do diversos núcleos poboados dispersos polo termo. En 1323 Jaume II el Just concedeu a seu fillo, o infante Pere de Ribagorza, o señorío da vila.
En 1359 herdouno o fillo dese, Afonso de Aragón i Foix, de alcuña o Vello, quen, no ano 1399, recibíu de Martín l'Humá o título de duque, con Gandia como centro do ducado, estabelecendo na vila unha corte famosa na època. Seu fillo Afonso V de Ribagorza continuou a obra de seu pai: impulsou o cultivo da cana de azucre e o artesanto, edificou o Pazo Ducal de Gandia, o Mosteiro de Sant Jeroni de Cotalba, reformou a colexiata e seguiu a potenciar a corte, que acolleu figuras literarias como Ausiàs March (Gandía e Beniarjó disputan ser a cidade natal March), Joanot Martorell ou Joan Roís de Corella. Á súa morte, sen descendencia, produciuse un preito pola sucesión dos seus estados, que se resolveu con o paso de Gandía ao dominio de Hugo de Cardona.
No ano 1433 recibiuna o infante Joan, que a cedeu, en 1439, a seu fillo, o príncipe Carlos de Viana; á súa morte, en 1461, pasou á mans da Coroa de Aragón. En 1485 o ducado foi adquirido por Rodrigo de Borja (futuro papa Alexandre VI) para seu fillo Pedro Luís Borja, logo de satisfacer un débeda que o rei tiña desde 1470 con a cidade de Valencia, e na que Gandía actuaba como peñor. Á morte daquel sucedeulle seu irmán Juan Borja, que casou con María Enríquez (curmá de Fernando o Católico). Deste matrimonio naceu Juan de Borja, o cal ficou orfo moi novo por mor do asasinato de seu pai en Roma, o ano 1497, e que logo foi pai de Francisco de Borja. O novo duque emprende un labor urbanizador --segunda muralla cidadá -- e cultural, que levou a cidade a unha etapa de apoxeo cultural e político, nun estilo renacentista italiano. En 1550, cando ingresou na Compañía de Xesús, abdicou no seu fillo, Carlos Borja, que contraeu matrimonio con Magdalena Centelles e Folch, irmá e herdeira do conde de Oliva, e mantivo Gandía como un dos núcleos máis influentes e poderosos do panorama, até o endebedamento da nobreza e as Germanies, as cales na batalla do Vernisa, ou de Gandía, derrotaron o exército realista, saquearon o pazo ducal e atacaron o arrabalde, ou mouraría.
Idade Moderna [editar]
A expulsión mourisca, que fixo diminuír a poboación nun terzo, feito do que tardou uns 150 anos en se recuperar; a decadencia do cultivo da cana de azucre e a peste trouxeron un clima de crise que tivo que afrontar o cuarto duque, Francisco de Borja, o cal, acometeu a ampliación do recinto urbano con a construción da Vila Nova e máis un novo cinto de murallas que incluíu o colexio de Sant Sebastià (edificio que aínda se conserva), convertido en Universidade en 1548 e que deixou de funcionar en 1772, sen que xamais fose un centro importante. A perda dos Foros a consecuencia da Guerra de Sucesión española, durante a cal Gandía apoiou o rei Borbón, ocorreu nun momento en que os duques abandonaran Gandia, que obtivo o título de cidade por privilexio de Filipe V.
En 1740 Luís Ignacio de Borja faleceu sen descendencia e o ducado pasou aos Benavent e despois aos Osuna, actuais posuidores do título. A reactivación económica durante este século veu da man do cambio dos cultivos: abandonouse a cana de azucre e apostouse pola moreira e a cría de vermes de seda, que orixinan unha importante industria. A finais do século hai un millar de teares de cinta de seda e vinte e catro doutros tecidos. O encurtido de coiros e a fabricación de azulexos e mesiñas tamén tiveron o seu papel na nomeada reactivación. No século XIX é a seda a que entra en crise e deixa paso ao viñedo, que trala epidemia de filoxera deixa, a súa vez, paso á laranxeira.
Idade Contemporánea [editar]
En 1881 comezou o derribo das murallas e sae á rúa o primeiro xornal da cidade, "El Litoral"; chegan tamén as primeiras máquinas de vapor para o tranvía, que unía Gandía con Carcaixent, para substituír as cabalerías e prolongar a liña ate Dénia. Así mesmo desde 1890 o tren, coñecido popularmente como dos ingleses ou a xitxarra (chicharra) unía xa Alcoi con o Grau de Gandia (porto). O patricio local Sinisalbo Gutiérrez fixo as xestións oportunas con a compañía inglesa que instalou este ferrocarril para construír, en 1893, o porto de Gandía, que ten renome dende tempos da Idade Media no País Valenciano e que significou a revitalización para a cidade e a súa conversión definitiva no concello máis importante da zona. A súa construción provocou o impulso do cultivo da laranxeira, o que convertería o Grau de Gandia no primeiro porto laranxeiro valenciano, si ben a presenza doutros tipos de transporte diminuíu máis adiante a súa importancia.
No 1908 produciuse a primeira crise da laranxa por problemas de axuste do mercado. Na década dos vinte do século XX iniciouse unha recuperación que favoreceu unha rápida expansión. Os anos anteriores á guerra de 1936-1939 había maioría anarquista no Grau, mentres que na cidade a corrente principal era de signo blasquismo: radical e anticlerical; desde os anos cincuenta efectuouse un rápido medre demográfico, que tivo por causa a forte corrente inmigratoria, atraida pola auxe do turismo e do sector servizos, procedente do resto da comarca e do interior do País Valenciano, máis tamén de Andalucía e de A Mancha. No 1965 o concello foi ampliado ao seren anexionados os municipios de Beniopa e Benipeixcar.
Patrimonio arquitectónico [editar]
En 1998 foi remodelado todo o centro histórico de Gandia con a conversión de varias rúas en zona peonal, o que conlevou un ritmo de vida máis tranquilo e a posibilidade de gozar dunha maneira máis agradábel o rico patrimonio da cidade, do que cómpre destacar:
- Escolas Pías: Antiga Universidade fundada por Francisco de Borja, remodelada en 1992 e en 1998. Actualmente alberga a UNED, a Escola Permanente de Adultos e máis o colexio dos escolapios. Na praza pola que se accede están colocadas cinco estatuas dos membros máis relevantes da familia Borja: san Francisco, Lucrecia, Calixto III, Alexandre VI e César Borgia, realizadas polo valenciano Manuel Boix.
- A Colexiata: Popularmente dita La Seu (a catedral). Fundada en 1499 polo papa Borja, Alexandre VI, sobre unha antiga igrexa visigóda que acabaría, no seu momento, en mezquita. O actual edificio é de 1756 e foi ser declarado Monumento Històrico Artístico en 1931. Durante a Guerra Civil foi incendiada e perdeu grande parte do seu patrimonio, entre outros o retábalo de san Leocadio, de Damiá Forment. Foi restaurada na década de 1940.
- Pazo Ducal: Residencia dos Duques Reais de Aragón antes de selo dos Borja. É a edificación máis visitada e coñecida de Gandía. Construída en estilo gótico catalán foi adquirida, case en ruínas, polos xesuítas en pública subhasta, en 1887. En 1964 foi declarado Monumento Histórico Nacional e en 1995 sufríu unha rehabilitación que o deixou na situación actual. Do interior do pazo son dignos de mencionar: o patio de armas, o salón das Águias, a galería Dourada, a capela e máis o dormitorio de san Francisco de Borja.
- Casa do Concello: neoclásica, de 1778. Restaurado en 1998, só conserva a fachada orixinal.
- Hospital de san Marco. Gótico. Actualmente acolle o Museo Arqueolóxico da cidade.
- Castelo de Bairén: De orixe musulmán, remonta ao século XI. Logo de ser utilizado en diferentes usos civís e militares, no século XVII estaba en ruínas. Adquiriuno o concello, encargándose unha escola-taller de realizar os traballos de recuperación e rehabilitación para preparalo como o lar dun parque arqueolóxico.
- Torrassa del Pi e Murallas. Restos da muralla medieval, que fora derrocada no século XIX.
- Alcaría do Duque: Edificio medieval fortificado que foi restaurado polo concello, que o adquiriu en ruínas, en 1981, e no que se instalou a Escola de Hostalaría Comarcal. Conserva unha acea, a adega e máis un reloxo de 1780. Está declarada de interese histórico-artístico.
- Ermida de santa Ana: do século XVIII, foi completamente remodelada na década de 1980.
- Sant Josep del Raval: igrexa de 1744-1801.
- Santa María Magdalena de Beniopa: igrexa neoclásica (1804-1837).
- Nosa Señora do Mondúver de Marxuquera.
- Mosteiro de San Xerónimo de Cotalba, de estilo gótico-renacentista construído entre os séculos XIV e XVIII.