Fusible

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fusible industrial de 200 amperios.

Chámase fusible a un dispositivo constituido por un filamento ou lámina dun metal ou dunha aliaxe de baixo punto de fusión que se intercala nun punto determinado dunha instalación eléctrica para que se funda, polo efecto Joule, cando a intensidade de corrente supere, por un cortocircuito ou un exceso de carga, un determinado valor que puidera facer perigar a integridade dos condutores da instalación co conseguinte risco de incendio ou destrución doutros elementos.

Adoitanse instalar fusibles, entre outros lugares, nas liñas de transporte de electricidade, na entrada do suministro ás vivendas e en gran número de aparatos eléctricos e electrónicos, coma fontes de alimentación, polímetros, etc.

Os fusibles poden ser de moi diversos tipos e tamaños, dependendo da intensidade e a voltaxe de traballo da instalación a protexer, existindo fusibles dende algúns poucos miliamperios ata miles de amperios.

Asimismo, existen tipos de fusión extrarrápida, rápida e lentos, dependendo das características da instalación a protexer. Así, por exemplo, empréganse fusibles extrarrápidos na protección de dispositivos electrónicos con semicondutores e fusibles lentos na protección de motores nos que no momento do arranque presentan un pico de consumo que desaparece en canto o motor empeza a xirar.

Antes simplemente consistían un fío de chumbo ou cobre, tendido entre dous terminais ou parafusos, cun grosor calculado para que se fundise cunha determinada intensidade de corrente eléctrica. Actualmente este fío vai dentro dun cartucho de plástico ou vidro, en ocasións recheo de area, para que os restos do metal fundido non alcancen outras partes da instalación eléctrica.

Modernamente, a protección proporcionada polos fusibles compleméntase e mellórase coa instalación doutros dispositivos electromecánicos e electrónicos de protección, tales coma os interruptores diferenciales e os magnetotérmicos.

Clasificación básica segundo o seu uso[editar | editar a fonte]

A clasificación ven dada por dúas letras, dacordo coa Norma IEC 60269-1, sendo a primeira minúscula e a segunda maiuscula.

A primeira letra indica:

  • g: fusible limitador de corrente, actúa tanto en presenza de correntes de cortocircuito como en sobrecarga.
  • a: fusible limitador de corrente, actúa soamente en presenza de correntes de cortocircuito. Non actúa en situacións de sobrecarga

A segunda letra indica:

  • G: fusible para a protección de circuitos de uso xeral.
  • L: fusible para a protección específica de liñas.
  • M: fusible para a protección específica de circuitos de motores.
  • R: fusible de actuación rápida ou ultra-rápida para protección de circuitos con semicondutores de potencia.