Fundamental (música)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En teoría musical, o ton fundamental ou fundamental é a primeira frecuencia, ou sexa, a máis baixa, dunha serie harmónica.

Cando se produce unha nota, aparecen harmónicos, que son frecuencias máis altas. Nun instrumento de corda, por exemplo, son vibracións de divisións da corda (1/2, 1/4, ...). A medida que se vai reducindo a lonxitude da corda, esta comezará a vibrar con máis amplitude en frecuencias superiores e escoitarase un son máis brillante debido ás frecuencias máis altas.

Na música, todo se constrúe sobre esta fundamental: os harmónicos dun son musical son frecuencias múltiplos enteiros deste primeiro harmónico. Se os harmónicos non son múltiplos enteiros da fundamental, fálase de parciais e o son dise que é inharmónico.

A frecuencia fundamental determina a altura do son. Para un son de frecuencia baixa, un son grave, a repartición dos harmónicos no conxunto do espectro harmónico tense en conta pola audición para determinar a súa altura. Pódese entón suprimir a frecuencia fundamental: a orella continuará a percibir unha altura concreta, unicamente pola análise dos intervalos entre cada harmónico.