Esperpento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O esperpento é un estilo literario creado e denominado así por Ramón María del Valle-Inclán, e que se caracteriza pola estilización grotesca das personaxes e as situacións, e o predominio da violencia verbal, os detalles groseiros e extravagantes, e unha visión amarga e degradada da realidade, todo iso posto ao servizo dunha implícita intención crítica da sociedade española do seu tempo. Como afirmou Valle-Inclán en Luces de bohemia (obra representativa do estilo e onde este é definido), "el sentido trágico de la vida española sólo puede ofrecerse con una estética sistemáticamente deformada". Esta técnica empregouse tamén na triloxía Martes de Carnaval e ten os seus precedentes en Quevedo e Francisco de Goya. Algunhas das súas características son:

  1. O grotesco como forma de expresión:
    • a degradación dos personaxes.
    • a reificación ou cousificación das personaxes, reducidas a mero signo ou a bonecos.
    • a animalización ou fusión de formas humanas e animais
    • a literaturización da linguaxe coloquial, frecuentemente investido de todo tipo de intertextualidades
    • o abuso do contraste
    • a mestura de mundo real e de pesadelo
    • a distorsión da escena exterior
  2. A deformación sistemática da realidade:
    • a aparencia de burla e caricatura da realidade
    • o significado profundo, semi transparente, cargado de crítica e intención satírica que constitúe a auténtica lección moral
  3. A presenza da morte como personaxe fundamental.

Esta técnica teatral fixo de Valle-Inclán un precedente cinematográfico, debido aos continuos cambios de escenario así como á profusión de historias durante o desenvolvemento da obra, que finalmente acababan por cruzarse.