Emilio Azaretti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEmilio Azaretti

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento3 de abril de 1902 Editar o valor em Wikidata
Provincia de Imperia, Italia Editar o valor em Wikidata
Morte28 de febreiro de 1991 Editar o valor em Wikidata (88 anos)
Actividade
Ocupaciónlingüista Editar o valor em Wikidata
Ventimiglia na época da nacenza de Azaretti

Emilio Azaretti, nado en Ventimiglia o 3 de abril de 1902 e finado na mesma cidade o 28 de febreiro de 1991, foi un escritor italiano en lígur.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou química e farmacia na Universidade de Xénova rematando os seus estudos en 1925. Volveu á súa vila natal e exerceu como boticario tras herdar a farmacia de seu pai e participou activamente na vida cultural local.

Actividade literaria[editar | editar a fonte]

En 1927 foi un dos fundadores da Academia Ventemigliusa e con Filipu Giliu Rostan[1] estableceu o grupo teatral Cumpagnia d’u Teatru Ventemigliusu para a representación de obras no dialecto intemelio, escritas polos dous fundadores so o pseudónimo literario de Yvan Dakordiu, tanto pezas orixinais como adaptacións de clásicos, principalmente comedias. En 1932 apareceu a revista literaria A Barma Grande. Antulugia Intemelia con colaboracións de escritores lígures da zona máis occidental e de Mónaco e que deu orixe a un movemento cultural de revitalización literaria do dialecto intemelio. Ata 1939 saíron do prelo sete volumes, nas súas páxinas recolleuse unha abondosa produción literaria: poesía, prosa, textos teatrais, mais tamén investigacións lingüísticas e etnográficas. En 1945 e logo da guerra fundou a eférmera asociación Unione Democratica Federalista della Liguria Intemelia para a establecemento dunha zona franca[2], a idea non callou pero si o seu órgano de expresión La Voce Intemelia que se transformou en voceiro da Unione Intemelia, tamén presidida por Azaretti. Entre 1946 e 1961 realizou escasa actividade cultural, mais a partir de 1961 coa publicación do oitavo número de A Barma Grande, volveu retomar o seu activismo cultural, facéndose cargo da dirección da revista e publicando ata 1974 outros seis volumes e continuou a escribir máis pezas teatrais para a Cumpagnia d’u Teatru Ventemigliusu. Na década de 1960 foi concelleiro independente en Ventemiglia[3].

Actividade lingüística[editar | editar a fonte]

En 1977 á súa proposta[4] creouse o Centri di Cultura Dialettale dedicada a espallar a variedade lígur de Ventimiglia entre os escolares por medio de diversas actividades. En colaboración con Rensu Villa preparou unha gramática ilustrada dirixida ao alumnado escolar, Imparamu u Ventemigliusu (1978)  e que incluía unha serie de casetes e en 1981 deu ao prelo Favole e storie in dialetto ventimigliese, tamén dirixido ao lector infantil. Levou a cabo tamén traballos de lingüística que publicou a partir de 1970 "Nomenclatura della fauna marina in dialetto ventimigliese" colaborou na obra I Dialetti Liguri en 1973 e na Rivista Ingauna e Intemelia do Istituto Internazionale di Studi Liguri, e foi o presidente da sección intemelia deste instituto dende 1977. O seu traballo lingüístico máis recoñecido foi L’evoluzione dei dialetti liguri esaminata attraverso la grammatica storica del ventimigliese (1977 e 1982). Foi patrocinador e un dos vicepresidentes[5] da Académie des Langues Dialectales con sede en Mónaco e creada en 1982 e de 1989 é Studi linguistici sull’anfizona Liguria-Provenza que contiña un ensaio sobre a fala Olivetta San Michele.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Luigino Maccario "Repertorio e attitudini del Teatru ventemigliusu" Intemelion 11:2011, p. 153
  2. La Voce Intemelia. Ano LI n° 1, 25 de xaneiro de 1996
  3. La Voce Intemelia Ano XLVI - n° 2 - marzo 1991]
  4. "Sostegno locale ai programmi culturali scolastici: elementari e medi"La Voce Intemelia, 25 de setembro de 2013
  5. Journal de Monaco Bulletin Officiel de la Principauté, 2 de xullo de 1982, p. 689