Demolición de vivendas no conflito israelí-palestino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un bulldozer blindado Caterpillar D9 do exército israelí destrúe unha casa durante a Segunda Intifada (2000–2005)

A demolición de vivendas é un dos métodos empregados polo exército israelí en Xerusalén Leste, Cisxordania e a Franxa de Gaza para lidar coa insurxencia palestina e para limitar o crecemento demográfico da poboación palestina no contexto do conflito palestino-israelí.[1] Calcúlase que, durante a guerra árabe-israelí de 1948 e a consecuente expulsión ou fuxida da poboación palestina dos seus fogares, o Estado de Israel demoleu unhas 52 000 vivendas palestinas, incluídos unhas 530 vilas e barrios destruídos na súa totalidade.[2] Dende a ocupación dos territorios palestinos tras a guerra do Seis Días en 1967 até 2019, Israel demoleu unhas 55 000 vivendas e outras estruturas palestinas en Cisxordania, Xerusalén Leste e a Franxa de Gaza,[2] e outros miles de vivendas foron demolidas dentro da propia Israel.[2]

O obxectivo da demolición de vivendas pode ser a aplicación das normas e regulacións de construción, que na Palestina ocupada están impostas polo exército israelí.[3] Outras xustificacións para a demolición de vivendas son a contrainsurxencia ou as medidas de seguridade para impedir ou deter accións dos milicianos palestinos. A xustificación de que serve como unha potente medida disuasoria contra o terrorismo[4] e que fixo descender significativamente os ataques terroristas palestinos[5][6][7] enfróntase a argumentos en contra, algúns dos cales proveñen do propio exército israelí, que afirman que a medida non demostrou unha efectividade disuasoria e que en realidade é contraproducente.[8]

Tanto a ONU como numerosas organizacións a prol dos dereitos humanos critican as demolicións de fogares palestinos e cualifícanas dunha violación do dereito internacional humanitario. Por exemplo, Amnistía Internacional afirma que o goberno israelí está a usar a demolición de vivendas como un castigo colectivo cara aos palestinos e como un método para requisar propiedades e permitir así a expansión dos asentamentos israelís.[9][10][11] En 1968, pouco despois da ocupación dos territorios palestinos tras a guerra do Seis Días, o xurista estadounidense Theodor Meron advertiu ao goberno israelí de que esta práctica contraviña o dereito internacional, e máis en concreto as Convencións de Xenebra.[12][13]

A demolición de vivendas usouse esporadicamente para desmantelar os denominados outposts, é dicir, asentamentos israelís que son ilegais segundo o dereito internacional e segundo as propias leis israelís. Cómpre saliientar que esta distinción só existe no dereito israelí, dado que todos os asentamentos son ilegais segundo o dereito internacional, pois supoñen unha violación do artigo 49 do Cuarto Convenio de Xenebra, que prohibe o traslado de poboación civil da potencia ocupante ao territorio ocupado.[14] Ademais, tras a súa retirada unilateral da Franxa de Gaza en 2005, o goberno israelí demoleu todas as vivendas dos seus asentamentos nesta rexión palestina.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Under the rubble: House demolition and destruction of land and property" (PDF). Amnistía Internacional. maio de 2004. Consultado o 14 de marzo de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 The Israeli Committee Against House Demolitions. "End Home Demolitions – An Introduction". Consultado o 16 de novembro de 2023. 
  3. "Israel/Territorios Ocupados: Demolición de Viviendas". Amnistía Internacional. Consultado o 18 de abril de 2016. 
  4. House demolitions as punishment B'Tselem - The Israeli Information Center for Human Rights in the Occupied Territories
  5. Efraim Benmelech, Claude Berrebi y Esteban F. Klor, 'Counter-Suicide-Terrorism: Evidence from House Demolitions,' en The Journal of Politics, vol. 77, no. 1 (xaneiro de 2015), pp. 27–43.
  6. Ludovica Iaccino, ['Israel's punitive demolition of Palestinian terrorist houses 'decreases suicide attacks','] International Business Times, 10 de decembro de 2014.
  7. Según el estudio "Counter-Suicide-Terrorism: Evidence from House Demolitions," demoler los hogares de las familias de los terroristas palestinos supone "un inmediato y significativo descenso del número de ataques suicidas". Blank, Cynthia (2014-12-11). "Study Finds Israeli Home Demolitions Do Deter Terrorists". Arutz Sheva. Consultado o 2015-01-25. 
  8. Avi Kober,Israel's Wars of Attrition:Attrition Chanllenges to DSemocratic States Routledge 2009 p.131.
  9. "Israel levels Palestinian homes". Al Jazeera. Consultado o 18 de abril de 2016. 
  10. "Razing Rafah: Mass Home Demolitions in the Gaza Strip: Map 2: Rafah Features". Consultado o 18 de abril de 2016. 
  11. "EU criticizes Israeli demolition of Arab homes in East Jerusalem". Middle East News. 2008-11-10. Arquivado dende o orixinal o 2013-01-03. Consultado o 2009-04-14. 
  12. "In a legal opinion from 1968, then legal advisor of the Israeli foreign ministry determines that punitive demolition of houses in the OPT contradicts international law". HaMoked. 11 de maio de 2015. Consultado o 8 de marzo de 2021. 
  13. Gorenberg, Gershom (19 de maio de 2015). "Israel Knew All Along That Settlements, Home Demolitions Were Illegal". Haaretz. Consultado o 8 de marzo de 2021. 
  14. Comité Internacional de la Cruz Roja (12 de agosto de 1949). "IV. Convenio de Ginebra relativo a la protección debida a las personas civiles en tiempo de guerra, 1949". Consultado o 23 de xuño de 2019. 
  15. Oster, Marcy (2010-04-15). "Barak asks court to delay outpost home demolition". jta.org. Arquivado dende o orixinal o 2014-12-13. Consultado o 25 de xaneiro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]