Día Internacional da Familia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha familia tradicional

O Día Internacional da Familia foi instituído pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1993. A Asemblea acordou celebrar no ano 1994 o Ano Internacional da Familia e concretar no día 15 de maio de tódolos anos os actos conmemorativos, que se comezaron a convocar en todo o mundo a partir dese ano 1994.

Obxectivos e prioridades[editar | editar a fonte]

O obxectivo proposto é poñer de manifesto a importancia que a comunidade internacional debe conferir á familia como unidade básica da sociedade, o que leva a tomar en consideración tódolos problemas, os puntos débiles e os puntos fortes, que poidan afectar á situación das familias no mundo e promove-la adopción das medidas adecuadas para resolver eses problemas. Do mesmo xeito, a familia recoñécese universalmente como o motor do desenvolvemento económico e social, polo que os gobernos deberán ter en consideración as necesidades familiares á hora de establecer prioridades nas decisións políticas que adopten.

Concepto de familia[editar | editar a fonte]

A familia debe entenderse como o ámbito natural do desenvolvemento e formación do ser humano, baseado sobre relacións de cariño entre os seus membros e entre estes e o resto da sociedade. O modo en que se creen e establezan estas relacións condicionará definitivamente o futuro das persoas, a súa forma de ve-la vida, de pensar, de sentir e de implicarse ou non co resto da sociedade en actividades e proxectos comúns.

A familia tradicional, cuxo modelo permaneceu basicamente inalterable durante séculos, deu paso nos últimos tempos a novas formas de familia que posúen vantaxes e inconvenientes que os seus membros e toda a sociedade no seu conxunto debe entender e respectar. Referímonos ás familias monoparentais, ás formadas por persoas dun mesmo sexo, ás integradas por membros de sucesivos matrimonios etc.

Segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística no 2004 (Boletín Informativo del Instituto Nacional de Estadística, 2/2004)[1] os principais indicadores sociais das familias españolas son os seguintes:

Número total de familias en España (2001) 14,2 millóns
Tamaño medio da familia (2001) 2,9 membros
Idade media das mulleres ó primeiro matrimonio (2002) 28,6 anos
Idade media das nais ó nacemento do primeiro fillo (2002) 29,7 anos
Número medio de fillos por muller (2002) 1,26 fillos

Os cambios principais experimentados nos últimos anos respecto á estrutura da familia tradicional foron a significativa redución do número de membros por familia e o non menos significativo incremento dos fogares unipersonais.

En 1991, as familias compostas por 6 membros ou máis representaban un 8% do total, mentres que no 2001 esta porcentaxe é pouco máis da metade, un 4,1%.

O modelo familiar típico é o da parella con dous fillos, seguido moi de cerca polo da parella sen fillos.

Composición dos fogares españois. Ano 2001
Fogares (%) Persoas (%)
Persoa soa de menos de 65 anos 4,95 1,63
Persoa soa de 65 ou máis anos 7,99 2,63
Parella sen fillos 19,37 12,77
Parella con 1 fillo 18,51 18,30
Parella con 2 fillos 22,18 29,24
Parella con 3 ou máis fillos 8,05 14,02
Un adulto con fillos 7,00 5,91
Outro tipo de fogar 11,95 15,50

O 5% dos fogares están constituídos por unha persoa soa de 65 anos ou máis, coa particularidade de que neste grupo de idade, as mulleres que viven soas triplican o número de homes nas mesmas circunstancias.

Se se consideran tódalas familias monoparentais (adultos sós, con ou sen fillos), cerca do 90% están encabezadas por mulleres.

Albert Tiu Family Pic.jpg

Todas estas transformacións, unidas ás representadas por parellas dun mesmo sexo para as que este censo non ofrece datos, xustifican a necesidade dunha nova concepción, máis aberta, da familia, ante o feito evidente de que, hoxe en día, superou amplamente os límites restritivos que establecen as definicións dos dicionarios (“Conxunto de persoas unidas por lazos directos de parentesco, especialmente o constituído polo pai, a nai e os fillos”, DRAG), conceptos e definicións nos que se basean moitas das políticas sociais e económicas gobernamentais.

Celebracións[editar | editar a fonte]

Ademais das declaracións institucionais que os gobernos poidan facer en tal data, a proposta das Nacións Unidas inclúe actividades coma as seguintes: inicio de proxectos en favor da familia, promulgación de leis de protección da familia e enfatiza-la igualdade entre homes e mulleres no seo da familia.

Outras propostas serían calquera destas:

  • Foros e seminarios sobre a familia que examinen tódolos procesos económicos, culturais, sociais e demográficos que poidan potenciarse co obxectivo de fortalece-la familia.
  • Potenciar e divulgar servizos de apoio á familia, tales como asesoramento, asistencia financeira e información.
  • Actividades especiais no ámbito académico (reunións de pais e profesores e actividades estudantís).
  • Tarifas especiais ou gratuítas para as familias nos medios de transporte público, museos, exposicións, concertos e outros acontecementos culturais.
  • Montaxe de exposicións especiais a partir de publicacións, fotografías, debuxos infantís, carteis e outros materiais sobre a familia.
  • Conferencias de prensa por científicos e personaxes de relevancia social sobre cuestións relacionadas coa familia, a fin de fomenta-la toma de conciencia pública respecto das súas prioridades.

Notas[editar | editar a fonte]