Conversa:Aligátor do Mississippi

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xacaré?[editar a fonte]

Busquei o termo no Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Xacaré. e non aparece. --AMPERIO (conversa) 18 de xuño de 2016 ás 18:06 (UTC)[responder]

Porén si hai referencias para o nome... A Chave - Os nomes galegos dos réptiles --AMPERIO (conversa) 18 de xuño de 2016 ás 18:09 (UTC)[responder]
  • A forma "xacaré americano" é unha adaptación do portugués "jacaré americano", que á súa vez traduce imperfectamente o inglés "American alligator". "American" non significa de América, senón dos Estados Unidos, sendo este o seu hábitat como se di no artigo. Existindo outras especies de "jacarés" que son igualmente "americanos" ( chamados tamén "caimaos" ) con hábitat na América central e do Sur "jacaré americano" non é un bo nome nin sequera en portugués. De feito na wikipedia en portugués consta a forma máis precisa "jacaré norteamericano".

No Buscatermos da USC figura como forma recomendada "aligátor do Mississipi", referenciado no 'Diccionario das ciencias da natureza e da saúde'. No Dicionario Ir Indo online temos "caimán do Mississipi", sendo "caimán" ademáis unha entrada presente no DRAG.

En todo caso, non habendo acordo sobre o nome común e non aparecendo no DRAG a palabra "xacaré" non sería mellor deixar polo momento o nome científico Alligator mississippiensis??

Marcio (conversa) 21 de xullo de 2016 ás 11:20 (UTC)[responder]

Non, o criterio é o nome en galego de o haber. Se hai varios (xacaré/caimán/aligátor...), segundo criterio do primeiro editor, mais deben aparecer todos (referenciados) na entradiña do artigo. --Norrin (Fálame) 21 de xullo de 2016 ás 11:42 (UTC)[responder]

Non, Norrin, eu non o vexo así. Estou en total desacordo con chamarlle á páxina xacaré. Xacaré é unha palabra brasileira usada para chamarlle aos caimáns do Amazonas (e extendérono a algúns outros crocodilianos como Alligator), e, por certo, eses caimáns son do xénero Caiman. O DRAG acepta a palabra caimán, pero, aínda máis significativo, pon como exemplo "No Amazonas vimos moitos caimáns", é dicir, está chamándolle caimáns aos jacarés brasileiros. Así é como hai que chamarlles aos do xénero Caiman, caimáns, que por outra parte é unha palabra moi usada noutros idiomas e é o nome científico. Mesmo penso que á especie Caiman yacare se lle debería chamar caimán xacaré (ou caimán iacaré, como se di no dicionario Digalego) e non simplemente xacaré porque isto crearía confusión co uso de xacaré para todos eles. Aínda peor é estender o nome xacaré aos do xénero Alligator, que estaría ben chamarlles aligátores, que está referenciado en galego, correspóndese co xénero científico, e ademais non só é doutro xénero senón doutra subfamilia distinta da dos caimáns dos Amazonas (jacarés), e en portugués existe tamén aligátor (e tamén caimão). Nótese que a wikipedia portuguesa titula esta páxina "Aligátor americano", aínda que despois din que tamén se lles dá o nome de jacaré americano. Gustaríame saber a opinión do editor Galegos do mundo que fixo e nomeou a páxina sobre o feito de que actualmente os portugueses a titulen aligátor americano. O feito que en galego (obrigadamente) haxa que falar da familia "aligatóridos" e da subfamilia "aligatorinos" favorece que exista tamén o termo aligátor. Na Galipedia existe unha páxina chamada aligátor da China (e eu mesmo fixen a páxina aligátor), polo que debe haber unha coherencia dentro da Galipedia nos títulos de páxina que se usan. Xa dixo Marcio máis arriba que non é un jacaré americano (que hai moitos) senón norteamericano. A Chave ten unha tendencia bastante lusista. Está ben usala como referencia dentro do texto (eu téñoo feito), alí onde se expliquen os distintos nomes que se propuxeron para os animais, pero A Chave non ten peso específico dabondo mentres non a usen en publicacións zoolóxicas ou no DRAG, polo que é excesivo usar os seus nomes como nome da páxina, especialmente cando son tan discutibles. Se non hai outras referencias habería que poñer como título da páxina o nome científico. Para quen lle interese participar, hai unha conversa sobre isto, iniciada por Elisardojm, en A Taberna (axuda) co título Referencias de nomes comúns na "Chave".--Miguelferig (conversa) 5 de decembro de 2016 ás 23:47 (UTC)[responder]