Esterano
O esterano, tamén chamado ciclopentanoperhidrofenantreno ou gonano, é unha molécula complexa procedente dun hidrocarburo policíclico que se pode considerar produto da saturación do fenantreno asociado a un anel de ciclopentano. Posúe 17 átomos de carbono. Desta base estrutural derivan os esteroides, que son a molécula base para multitude de moléculas de orixe lipídico, como os esterois (colesterol), ácidos biliares e hormonas esteroideas como as sexuais.
As sustancias que derivan deste núcleo amosan grupos metilo -CH3, nas posicións 10 e 13 para integrar os carbonos 18 e 19; xeralmente existe unha cadea lateral no carbono 17, a lonxitude de dita cadea e a presenza de metilos no carbono 10 e 13 determina as diferentes estruturas destas sustancias.
Ten a mesma estrutura química básica ca os esteroides, por exemplo o colesterol, o cal é un compoñente importante das membranas plasmáticas eucariontes e atópase en menor medida nas membranas dos orgánulos. O colesterol é moi importante, xa que tamén é o precursor de todas as hormonas esteroideas e dos ácidos biliares.
| Artigo nos seus primeiros pasos. Este artigo relacionado coa química é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel e contribúe a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados coa química que precisan de revisión e nos que posibelmente tamén poidas contribuír. |