Automated Fibre Placement

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Automated Fibre Placement (Deposición automática de fibra, en galego) é un proceso de fabricación con materiais compostos usado en diferentes ámbitos da enxeñaría.[1]

Denominación[editar | editar a fonte]

O Automated Fibre Placement (usualmente abreviado como "AFP") refírese tanto ao proceso de fabricación como á máquina laminadora (robot comercial máis cabezal). Tamén pódese atopar coa denominación de Automatic Fibre Placement ou Advanced Fibre Placement. En tódalas denominacións adóitase mencionar tamén trocando fibre por fiber (na súa máis usual ortografía norteamericana).

Historia[editar | editar a fonte]

O AFP é unha evolución do Automated Tape Laying, ATL, unha máquina desenvolvida nos anos 60 que permitiu automatizar o laminado de pezas con prepregs, que ata entón eran manuais. Os enxeñeiros pronto se decataron que o ATL funcionaba ben en superficies sinxelas (planas ou de baixa curvatura), mais atopa problemas en superficies complexas (chafráns ou superficies de alta curvatura). Para arranxar estes problemas, engadíronse máis grados de liberdade á máquina e estreitouse o ancho das cintas empregadas, dando lugar a unha máquina de diferentes prestacións á que se chamou Automated Fibre Placement, AFP.

Proceso de fabricación[editar | editar a fonte]

Para laminar a peza requirida, o prepreg deposítase sobre o molde coa axuda dun rodete de compactación, que aplica unha forza sempre normal á superficie laminada. Tras depositarse varias capas de material sobre o molde, a peza debe ser introducida nun autoclave, o cal, aplicando alta presión e temperatura, axuda a curar a resina do prepreg. Finalmente, o molde retírase e a peza fica rematada.

Características[editar | editar a fonte]

Para evitar o torcemento das distintas cintas depositadas, cada unha delas diríxese a través dunhas guías ata uns 30 milímetros antes do contacto co rodete, e aplícaselles, ademais, unha tensión (forza na dirección das cintas que tende a estiralas). Ademais, para incrementa-la adherencia do prepreg, o proceso lévase a cabo con aplicación de calor.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. AFP/ATL Glossary of Terms Arquivado 27 de abril de 2015 en Wayback Machine. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • The engineering aspects of automated prepreg layup: History, present and future. Lukaszewicz, Ward e Potter.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]