Anana negra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha anana negra é un astro hipotético resultante do consumo completo da enerxía térmica dunha anana branca. Sería un corpo frío e invisible no espazo. Crese que o universo non ten a suficiente idade para albergar unha destas estrelas, 13.700 millóns de anos. Atopar unha estrela deste tipo é moi difícil, xa que non emite luz e a súa emisión de enerxía é indetectable. Unha forma sería detectar o seu campo gravitatorio.

Unha anana branca é o remanente dunha estrela dunha pouca ou media masa, unha vez que todo o seu hidróxeno foi consumido ou expulsado. Este resto é unha densa peza de materia dexenerada que lentamente se arrefría e cristaliza por emisión de radiación calórica, que finalmente se convertería nunha anana negra[1][2].

Debido a que a evolución das ananas brancas depende de cuestións físicas, como a natureza da materia escura e a posibilidade da evaporación de protóns, que nunca foi observada e non se entende a natureza deste fenómeno, non se pode determinar con exactitude o tempo que necesitaría unha anana branca para converterse nunha anana negra. Barrow & Tipler estiman que levaría 1015 anos para unha anana branca arrefriarse até os 5 K; con todo, se as partículas masivas de interacción débil (coñecidas como WIMP) existisen, é posible que estas interaccións permitisen que as ananas brancas se mantivesen máis quentes, durante aproximadamente 1025 anos. Se o protón non é estable, as ananas brancas manteríanse quentes máis tempo pola enerxía producida pola evaporación de protóns, durante un tempo hipotético de 1037 anos. Adams e Laughlin calcularon que a evaporación de protóns aumentaría a temperatura superficial dunha anana branca a aproximadamente 0,06 K. A pesar de que é frío, sería máis quente que a temperatura da Radiación de fondo de microondas terá ao redor de 1037 anos, no futuro.

En todo caso, de as ananas negras existiren, sería extremadamente difícil detectalas posto que, por definición, emiten moi pouca radiación ou ningunha. Poderían ser detectables pola súa influencia gravitacional[3].

O nome de "anana negra" tamén foi aplicado a obxectos sub-estelares que non teñen suficiente masa (aproximadamente 0,08 masas solares) para manter a fusión nuclear do hidróxeno[4]. Estes obxectos coñécense agora máis frecuentemente como a ananas marróns, un termo proposto por Jill Tarter na década de 1970[5].

As ananas negras non deben ser confundidas con buratos negros ou con estrelas de neutróns.

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Extreme Stars: White Dwarfs & Neutron Stars, Jennifer Johnson, lecture notes, Astronomy 162, Ohio State University, accessed online May 3, 2007.
  2. "Late stages of evolution for low-mass stars" (en English). Rochester Institute of Technology. http://spiff.rit.edu/classes/phys230/lectures/planneb/planneb.html.
  3. Baryonic Dark Matter: The Results from Microlensing Surveys, Charles Alcock, Robyn A. Allsman, David Alves, Tim S. Axelrod, Andrew C. Becker, David Bennett, Kem H. Cook, Andrew J. Drake, Ken C. Freeman, Kim Griest, Matt Lehner, Stuart Marshall, Dante Minniti, Bruce Peterson, Mark Pratt, Peter Quinn, Alex Rodgers, Chris Stubbs, Will Sutherland, Austin Tomaney, Thor Vandehei, and Doug L. Welch, páx. 362 ff., in The Third Stromlo Symposium: The Galactic Halo, eds. B. K. Gibson, T. S. Axelrod, and M. E. Putman, ASP Conference Series 165 (1999).
  4. A failed search for black dwarfs as companions to nearby stars, R. F. Jameson, M. R. Sherrington, and A. R. Giles, Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, 205 (October 1983), páxs. 39P–41P.
  5. brown dwarf, entrada en The Encyclopedia of Astrobiology, Astronomy, and Spaceflight, David Darling, acceso en liña 24 maio 2007.