Aleixo II Comneno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aleixo II Comneno, nado en Constantinopla o 10 de setembro de 1169 e finado na mesma cidade o 24 de setembro de 1183, foi emperador bizantino entre 1180 e 1183.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo do emperador Manuel I Comneno e de María de Antioquía, filla de Raimundo, príncipe de Antioquía.

Á morte de Manuel en 1180, María, que fora enclaustrada nun convento co nome de Xene, proclamouse a si mesma rexente e deixou ao seu fillo en mans dos seus conselleiros, que fomentaron nel todo tipo de vicios, mentres que ela apoiaba o goberno do protosebastos Aleixo (un curmán de Aleixo II), que era abertamente o amante de María. O novo emperador e os seus amigos intentaron formar un partido contra a emperatriz nai e o protosebastos, e así, a súa irmá María, esposa do césar Xoán (Renier de Montferrato) incitou varias revoltas nas rúas da capital.

O partido do novo emperador foi derrotado (2 de maio de 1182), pero Andrónico Comneno aproveitouse das desordes para facerse coa coroa, e así entrou en Constantinopla, onde foi recibido con honores case divinos, e depuxo aos rexentes. A súa chegada foi celebrada cun masacre de latinos na capital, sobre todo de mercadores venecianos, que Andrónico non fixo nada por evitar. Permitiu que Aleixo fose coroado, pero o obrigou a aceptar que fosen condenados a morte todos os seus amigos, ademais da súa nai, a súa irmá e o césar, e non lle permitiu que expresase a máis mínima opinión nos asuntos de Estado.

O compromiso en 1180 entre Aleixo e Inés de Francia, que entón só tiña nove anos de idade, filla de Luís VII de Francia e a súa terceira muller Adela de Champaña, foi anulado. Andrónico proclamouse entón formalmente coemperador, e pouco despois, co pretexto de que un goberno dividido resultaba deshonroso para o Imperio, ordenou matar a Aleixo (outubro de 1183).

Imperio Bizantino

Segue a:
Manuel I Comneno
Aleixo II Comneno
Precede a:
Andrónico I Comneno
Dinastía Ducas-Comneno