Portal:A Coruña
Artigo destacado
O Río Mesoiro, tamén coñecido como Rego de Campos, Rego de Beneirón ou Río Monelos, é un río galego que nace e desemboca no concello da Coruña. Atópase soterrado durante a maior parte do seu percorrido, canalizado baixo o chan das rúas da cidade.
Nace na parroquia de San Vicenzo de Elviña, no lugar de Castiñeiras, preto do límite municipal entre A Coruña e Arteixo. Dende alí baixa ata Feáns (recibindo durante este percorrido o nome de Rego de Beneirón), para continuar ata Mesoiro (chamándose neste treito Rego de Campos). A partir de Mesoiro é coñecido como Río Mesoiro e continúa o seu traxecto paralelo ó polígono de Pocomaco, sofrendo dúas pequenas canalizacións parciais durante este treito (na travesía de Mesoiro e arredor dunha vía de acceso a Pocomaco). A partir da entrada principal do devandito polígono xa se atopa totalmente canalizado baixo terra ata o peirao de San Diego, no porto da Coruña, onde desemboca. Lugar de interese
A Casa do Home, máis coñecida como DOMUS, é un museo coruñés, o único interactivo conceptual e monográfico sobre o ser humano. Algunhas das súas montaxes máis interesantes son un colaxe representando a Gioconda realizado con 10.062 fotografías de persoas de todo o mundo, imaxes dun parto, elaborar un menú e comprobar se é equilibrado ou ver os latidos do propio corazón. Foi inaugurado en abril de 1995 e é obra de César Portela e Arata Isozaki.
Conta con 1.500 m² de exposicións, 300 deles na sala Severo Ochoa, de exposicións temporais, e unha sala de proxeccións (chamada Leonardo da Vinci) de cinema en grande formato. As exposicións oferecen uns 200 módulos interactivos. Ademais de fornecer información, esixen ser accionados mediante algún mecanismo, frecuentemente en forma de xogos sinxelos, para entender o seu funcionamento. En 2015 inaugurouse a sala Maker, dedicada á robótica. Como lembranza da Real Expedición Filantrópica da Vacina, expedición científica que levou a vacina da varíola a América, inaugurouse un monumento na balconada do museo. Imaxe destacada
Categorías
Biografía destacada
María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño de 2014, foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e Canadá. Licenciada en Matemáticas pola Universidade Central de Madrid en 1950, Wonenburger foi unha das primeiras beneficiarias das bolsas Fullbright en 1953, o que lle permitiu ir á universidade Yale (Estados Unidos), onde se doutorou.
Logo dun período traballando no CSIC, en 1966 trasladouse á Universidade de Buffalo (Estados Unidos), e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983, ano no que regresou á súa cidade natal. A investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie. Estudou o grupo de rotacións, o grupo ortogonal e os seus correspondentes grupos proxectivos. Tamén traballou con grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, e sobre todo foi coñecida polos seus desenvolvementos na álxebra de Lie, onde dirixiu a maior parte das súas teses. En 2010 foi investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña, o mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada adicada ao seu labor. Sabías que...?
Este mes
Cita destacada
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|