Portal:Reino Unido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland),<ref group="nota">No Reino Unido e as súas dependencias, outras linguas ademais do inglés son recoñecidas como linguas rexionais. Nalgunhas delas o nome oficial do Reino Unido é: ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Á parte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo Mar do Norte, ao sur polo Canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado á raíña Sabela II. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea (agora en proceso de saída. Véxase: Brexit) e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Artigo destacado

editar

As Illas Malvinas, (en inglés: Falkland Islands), son un arquipélago do océano Atlántico meridional, na plataforma continental patagónica. As illas principais atópanse a 483 km ó leste da costa da Patagonia, en América do Sur, na latitude 52°S. O arquipélago, cunha área de 12 000 km², abrangue a illa Soidade, a illa Gran Malvina e 776 illas máis pequenas. É un Territorio Británico de Ultramar e conta cun autogoberno, mais o Reino Unido encárgase da súa defensa e das relacións exteriores. A capital das Malvinas é Stanley, na illa Soidade.

Existe unha gran controversia sobre a descuberta e posterior colonización das Malvinas polos europeos. En varios momentos, as illas tiveron asentamentos franceses, británicos, españois e arxentinos. O Reino Unido reafirmou o seu control sobre o arquipélago en 1833, malia que a Arxentina mantiña a súa reivindicación sobre as illas. En abril de 1982, forzas arxentinas ocuparon temporalmente o territorio. A administración británica foi restaurada dous meses máis tarde, no final da guerra das Malvinas.

A poboación (2 932 habitantes en 2012) está constituída principalmente por nativos das illas, a maioría de ascendencia británica. A lingua predominante (e oficial) é o inglés. De acordo cunha lei de 1983 aprobada polo Parlamento do Reino Unido, os malvineiros son considerados cidadáns británicos.

O arquipélago atópase no límite das zonas climáticas oceánica subantártica e de tundra e as dúas principais illas teñen cordilleiras que atinxen 700 metros de altura. Elas son o lar de grandes poboacións de aves, malia que moitas xa non se reproducen nas principais illas por mor da concorrencia con especies introducidas. As principais actividades económicas son a pesca, o turismo e a cría de ovellas, con énfase na exportación de la de alta calidade. A exploración de petróleo permanece en controversia como resultado de disputas marítimas coa Arxentina.

Cidade destacada

editar

Edimburgo (en inglés: Edinburgh; en gaélico escocés: Dùn Éideann) é a capital e segunda maior cidade de Escocia.

A cidade atópase na costa leste de Escocia á beira do estuario do Forth e na autoridade local da Cidade de Edimburgo. Edimburgo é capital de Escocia dende 1437 e é a sede do goberno escocés. A cidade foi un dos centros máis importantes da educación e cultura durante a Era de Ilustración, grazas á Universidade de Edimburgo. Os distritos, The Old Town e New Town, os cales forman parte do centro da cidade, foron nomeados pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade en 1995. De acordo co censo do 2001, Edimburgo posúe unha poboación de aproximadamente 448.624 habitantes.

Edimburgo é famosa polo seu Festival, o maior conxunto de eventos en vivo do mundo. Durante o mes de agosto, cando se celebra, a poboación da cidade duplícase. Edimburgo é a segunda cidade máis visitada do Reino Unido despois de Londres con 13 millóns de visitantes ao ano.

Países Constituíntes do Reino Unido
Categorías
Biografía destacada

editar

Óengus, fillo de Fergus (en picto: *Onuist map Urguist; en irlandés antigo: Óengus mac Fergusso, "Angus mac Fergus"), foi rei dos pictos dende 732 até a súa morte en 761. O seu reinado pode ser reconstruído a partir dos detalles de diferentes fontes.

Óengus converteuse en xefe e rei dos pictos despois dun período de guerra civil a finais da década de 720. Durante o seu reinado, o reino veciño de Dál Riata foi subxugado e o reino de Strathclyde foi atacado con menos éxito. O gobernante máis poderoso de Escocia durante máis de dúas décadas, estivo involucrado en guerras en Irlanda e Inglaterra. Os reis da familia Óengus dominaron as terras pictas até 839, cando unha desastrosa derrota contra os viquingos provocou un novo período de inestabilidade que rematou coa chegada ó poder de Cináed mac Ailpín.

Imaxe destacada
Sabías que...?

editar

Isabel II do Reino Unido.


Proxectos relacionados
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wikimedia Wiktionary
Wikimedia Wiktionary

no Galicionario