Zur Psychopathologie des Alltagslebens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Zur Psychopathologie des Alltagslebens (A psicopaloxía da vida cotiá) foi o libro máis popular entre todas as obras de Sigmund Freud. Nel, en 12 capítulos, inténtase explicar o significado dos episodios aparentemente sen sentido de todos os días.

Propósito do libro[editar | editar a fonte]

Freud escribe esta obra para explicar esas cousas que nos pasan a diario (erros, actos marrados,...). Xeralmente non son unha casualidade senón que son actos preconscientes ou inconscientes, facemos as cousas "sen querer" facelas.

Podemos ver as manifestacións do inconsciente, por exemplo, nos "lapsos" que é cando queres dicir unha cousa e dis outra. Outra forma son os "actos falidos" que é, por exemplo, chamar alguén ao que non queres chamar. Outra manifestación son os "actos sintomáticos" que son accións que imos repetindo inconscientemente ao longo da vida. Outro erro é o esquecemento dos nomes que son bloqueos que ás veces acontecen a propósito. Freud tamén fala dos "recordos encubridores" que é un recordo da infancia que engloba asociacións, situacións... o que é importante e que nos pode levar ao núcleo dun problema. Freud di que se se produce un erro hai un conflito, unha represión.

Cada capítulo do libro está dedicado a responder a estas preguntas e moitas outras. Freud busca as falsas lembranzas, os esquecementos e os erros; atopando fontes secretas explicativas que aínda permanecen inexploradas.

Contido[editar | editar a fonte]

Capítulo 1: Esquecemento de nomes propios[editar | editar a fonte]

O caso de esquecemento temporal dun nome propio é moi frecuente. Sucede que non só se esquece, senón que, ademais, se recorda erroneamente; "presumo que os nomes substitutivos están en visible conexión co buscado", afirma Freud.

O resumo das condicionantes do esquecemento de nomes, acompañado do recordo erróneo é unha determinada disposición para o esquecemento do nome do que se trate: un proceso represivo levado a cabo pouco tempo antes; e a posibilidade dunha asociación externa entre o nome que se esquece e o elemento anteriormente reprimido.

Capítulo 2: Esquecemento de palabras estranxeiras[editar | editar a fonte]

O léxico usual do noso propio idioma parece acharse protexido do esquecemento dentro dos límites de función normal; non sucede o mesmo cos vocábulos dun idioma estranxeiro. Neste todas as partes da oración están igualmente predispostas a ser esquecidas. Freud expón que todos e cada un dos casos que se sometan á análise, conducirán sempre ao descubrimento de "casualidades" moi estrañas. O libro trata a diferenza e interno parentesco dos dous paradigmas do esquecemento de nomes e presenta un segundo mecanismo do esquecemento: a perturbación dun pensamento por unha contradición interna proveniente do reprimido.

Capítulo 3: Esquecemento de nomes e de series de palabras[editar | editar a fonte]

O motivo do esquecemento dun nome pode ser tamén algo máis sutil; o autor dános varios exemplos de persoas e esquecementos e das situacións en que se dan e interprétaos para concluír en que "as cousas se esquecen cando nos remiten a algo que nos molesta". Debemos interesarnos non só polos motivos do esquecemento de nomes, senón polo mecanismo do seu proceso.

O mecanismo do esquecemento de nomes, ou máis ben da súa desaparición temporal da memoria, consiste na perturbación da reprodución desexada do nome por unha serie de ideas alleas a el e inconscientes. Entre os motivos desta perturbación resalta a intención de evitar que o recordo esperte unha sensación penosa ou desagradable. Experiencias como a de esquecer un nome en idioma estranxeiro fai pensar en se o mecanismo de esquecemento é igual no idioma materno.

Aparece un exemplo significativo: Certo señor Y namorouse dunha señorita que casou con outro señor X. A pesar de que os homes se coñecían dende hai tempo, ao señor Y foille imposible recordar o nome do señor X. A motivación do esquecemento é ben visible. O esquecemento parece ser consecuencia directa da animosidade do señor Y contra o seu rival, este non quere saber nada del (nin sequera o nome).

Capítulo 4: Recordos infantís e recordos encubridores[editar | editar a fonte]

Sabemos que nos máis temperáns recordos infantís dunha persoa parece terse conservado, en moitos casos, o máis indiferente e secundario, mentres que frecuentemente, encontramos que da memoria do adulto desaparecen os recordos doutras impresións importantes, intensas e cheas de afecto, pertencentes á época infantil. Dado que estes recordos infantís indiferentes deben a súa conservación non ao propio contido, senón a unha relación asociativa deste con outro contido reprimido, créese que está xustificado o nome de recordos encubridores. O contido do recordo encubridor pertence ao primeiros anos da nenez, mentres que as experiencias mentais por el substituídas na memoria corresponden a anos moi posteriores da vida do suxeito. Esta clase de desprazamento foi denominada por Freud retroactiva ou regresiva.

Exemplo que se da: Un home duns vinte e catro anos conserva na súa memoria a imaxe de cando tiña cinco anos e a súa tía esfórzase por facelo comprender as letras "m" e "n" dicíndolle que a "m" ten un pauciño máis que a "n". Pero isto non era máis que o recordo encubridor de que despois se preguntou a diferenza que hai entre os nenos e as nenas, cousa que tamén quería que lle explicase a súa tía. A diferenza neste caso é análoga pois os nenos tamén teñen un anaco máis que as nenas.

Capítulo 5: Equivocacións orais[editar | editar a fonte]

O material corrente da nosa expresión oral na nosa lingua materna parece acharse protexido do esquecemento; pero, en cambio, sucumbe con extraordinaria frecuencia a outra perturbación que coñecemos co nome de equivocacións orais ou lapsus linguae. Freud argumenta que cando a un se lle esquece algunha palabra, normalmente se lle vén á cabeza a primeira letra ou sílaba da palabra, pero esta resulta ser falsa a maioría das veces. Hai que destacar que a gran maioría dos fallos teñen unha orixe en común que sería a súa orixe sexual; pode ser debido a trastornos sexuais na infancia ou á grande importancia do sexo, aspecto reprimido na sociedade, polo que xorde moito nas equivocacións de calquera tipo.

Algúns exemplos de equivocacións orais que nos da o autor: Un señor falando cunha viúva nova e guapa sobre os preparativos de Pascua dixo "viu vostede o escaparate de Wertheim, está moi ben descotado". Sen poder expresar en voz alta a admiración ante o escote da señora, o seu pensamento colouse aproveitando a similitude coa palabra "decorado". A palabra escaparate tamén influíu na frase cun inconsciente de dobre sentido.

Unha señora falando nunha reunión dixo: "unha muller necesita ser bela para gustar aos homes. O home ten menos dificultade para gustar ás mulleres. Abonda con que teña os seus cinco membros ben dereitos". Foi debido a unión de dúas frases "basta con que teña os seus catro membros ben dereitos", "basta con que teña cinco sentidos ben cabais". Pero isto levaba implícito un significado sexual oculto. As palabras da suxeita en sentido literal podían ter sido tanto un chiste coma unha divertida equivocación, isto depende tan só de que as palabras fosen ou non pronunciadas intencionadamente. Neste caso foron pronunciadas intencionadamente, polo tanto, non existe o chiste.

A afinidade entre a equivocación oral e o chiste poden chegar a ser tan grande que a persoa mesma que a sofre ría de tal modo como se dun chiste se tratase.

Capítulo 6: Equivocacións na lectura e na escritura[editar | editar a fonte]

Ás equivocacións na lectura e na escritura poden aplicarse as mesmas consideracións e observacións que aos lapsos orais debido ao íntimo parentesco que existe entre todas estas funcións. Nunha numerosa cantidade de exemplos é a predisposición do lector a que transforme o texto aos seus ollos, facéndoo ler algo relativo aos pensamentos que naquel momento lle ocupan. A profesión ou situación exterior do lector determina tamén o resultado das súas equivocacións.

Aquí temos un exemplo: Un americano que viñera a Europa, deixando no seu país a súa muller, despois dalgúns desgustos conxugais, creu chegada, nun determinado momento, a ocasión de reconciliarse con ela e invitouna a atravesar o Océano e vir ao seu lado no buque Mauritania; ao reler a carta deuse conta de que o buque Mauritania desaparecera durante a guerra, querendo dicir o Lusitania.

Capítulo 7: esquecemento de impresións e propósitos[editar | editar a fonte]

O esquecemento é para nós, hoxe en día quizais máis misterioso que o recordo, sobre todo dende que o estudo dos soños e dos fenómenos patolóxicos nos ensinou que aquilo que criamos ter esquecido hai tempo pode volver de súpeto a xurdir na conciencia. O esquecemento está fundado nun motivo de despracer. Ao igual do que sucede no esquecemento de nomes, poden tamén aparecer no de impresións recordos equivocados, os cales, se son aceptados como verdadeiros, terán que ser designados como ilusións da memoria.

Un propósito é un impulso á acción, que foi xa aprobado, pero cuxa execución quedou aprazada ata o momento propicio para levala a cabo. Agora ben: no intervalo creado deste modo poden sufrir os motivos do propósito unha modificación que traia consigo a inexecución deste; pero entón non pode dicirse que esquecemos o propósito formado, pois o que facemos é revisalo e omitilo no momento.

Un trastorno ao que está suxeita a maioría das persoas é o esquecemento de devolver os libros que a un lle prestaron e ao feito de diferir, tamén por esquecemento, o pagamento de contas pendentes. O esquecemento de propósitos recibe moita luz de algo que puidésemos designar co nome de "formación de falsos propósitos".

Capítulo 8: Torpezas ou actos de termo erróneo[editar | editar a fonte]

Tamén neste capítulo se expón a obra de Meringer e a de Mayer, coa cal neste caso está de acordo Freud. Segundo isto, "as equivocacións orais non son algo que se manifeste illado, senón que vai unido aos demais erros que os homes cometen con frecuencia nas súas diversas actividades, erros aos que adoitamos dar un tanto arbitrariamente o nome de distraccións".

Un exemplo sería, segundo explica Freud, un día en que a súa irmá criticou o tinteiro que estaba na súa mesa, Freud cando xa cría ter esquecido a devandita crítica tirou o tinteiro ao chan, seguramente coa intención de que a súa irmá lle regalase outro.

Hai que aceptar a explicación psíquica dalgúns movementos torpes só en aparencia. É verdade que tales movementos, parecen mostrar algo violento e impulsivo; pero sometidos a un exame demóstrase como están dominados por unha intención e conseguen o seu fin cunha seguridade que parecen atribuírse a un acto consciente.

Di Freud que os nenos e os adolescentes, son só disfraces baixo os cales se refuxian para poder facer e dicir o que se lles veña en gana sen ter que avergonzarse diso. Así, pois, sospéitase a existencia dun sentido e unha intención detrás das pequenas perturbacións funcionais da vida cotiá dos individuos sans.

Capítulo 9: Actos sintomáticos e casuais[editar | editar a fonte]

Nos anteriores capítulos as manifestacións inconscientes maniféstanse como perturbacións doutros actos intencionados e ocúltanse baixo a escusa da torpeza. Execútanse os actos "sen idea ningunha", por "pura casualidade" ou por "entreter en algo as mans", e confíase en que tales explicacións abondarán a aquel que queira investigar a súa significación. Estes actos, ao igual que todos os outros fenómenos de que ata agora tratamos, desempeñan o papel de síntomas.

É importante destacar algúns casos nos que se xoga co anel de compromiso, un exemplo disto sería que aquel o que xogue co anel poñéndoo e quitándoo está pensando en poñerlle os cornos ao seu marido ou muller, se xa non o está a facer. Con frecuencia a perda de obxectos indica o pouco aprecio do obxecto perdido, ou dá persoa da cal provén o devandito obxecto.

Capítulo 10: Erros[editar | editar a fonte]

Os erros da memoria non se distinguen dos esquecementos acompañados de recordo erróneo máis que nun só trazo, isto é, en que erro non é recoñecido como tal, senón aceptados como certo. Cada vez que ao falar ou ao escribir nos equivocamos, debemos deducir a existencia dunha perturbación causada por procesos psíquicos exteriores á intención.

Un exemplo curioso é o do rapaz que escribiu a un amigo contándolle cousas malas sobre a súa prometida á vez que escribía á súa prometida unha carta de amor. Ao enviar as cartas equivocouse e mandou a do amigo á noiva, mentres que ao amigo mandou unha carta de amor quedando así rotas as relacións entre os namorados.

Capítulo 11: Actos marrados combinados[editar | editar a fonte]

Estes actos só poden expresarse mediante exemplos que combinen varios fallos. Os actos marrados combinados poden ser a perda temporal e esquecemento como expresión dunha repugnancia reprimida, o esquecemento repetido e acto infrutuoso na execución definitiva do acto esquecido e o esquecemento e erro.

Capítulo 12: Determinismo, fe casual, superstición, consideracións[editar | editar a fonte]

Certos actos aparentemente intencionados se demostran motivados e determinados por motivos descoñecidos da conciencia, cando se somete á investigación psicanalítica. Os individuos nerviosos que padecen ideas e estados obsesivos, e que son con moita frecuencia persoas de claro entendemento, é nos que con maior claridade se ve que a superstición é orixinada por impulsos hostís e crueis reprimidos.

A solución dos actos marrados e actos casuais que aquí se dan, pode aplicarse en xeral ou só en casos particulares? E se o que sucede é isto último, cales son as condicións nas cales pode aplicarse á explicación doutros fenómenos? A experiencia non é suficiente para permitir contestar a esta pregunta, o que se pode facer é advertir que non deben crer escasas as ocasións nas que aparecen os devanditos fenómenos as ocasións sinalados, pois sempre que o autor fixo a proba nel mesmo ou nos seus pacientes se manifestaban aquelas con toda evidencia, como pode verse nos exemplos expostos.

Porque temos fixacións con algúns números? Existen os soños proféticos? Que é o "déjà vu"? Estas son as preguntas do último capítulo, que abren a porta a un mundo diferente para a reflexión. O determinismo, as crenzas de azar e as supersticións; todo isto invita á converxencia do inconsciente e do consciente. Unha reflexión para entendernos cada vez mellor.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Freud, Sigmund. Obras completas de Sigmund Freud. Volumen VI. Psicopatología de la vida cotidiana (1901). Tradución Jose Luis Etcheverry. Buenos Aires & Madrid. Amorrortu editores.