Zlín Z 42
Zlín Z 42 | |
---|---|
Tipo | deportivo e adestrador |
Fabricante | Moravan Otrokovice |
Primeiro voo | 17 de outubro de 1967 |
Introducido | 1970 |
Estado | activo |
Produción | 1967 - presente |
Variantes | Zlín Z 43 |
O Zlín Z 42 é un adestrador monomotor bipraza checoslovaco fabricado por Moravan Otrokovice. Unha versión do Z 42, o Z 142, é a variante máis popular do modelo.
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O avión foi construído por Moravan Aviation, compañía fundada no ano 1934 por Tomáš Baťa en Checoslovaquia.
Como continuación e substituto da exitosa serie de adestradores acrobáticos con asentos en tándem Zlín Trener, Moravan desenvolveu unha nova familia de avións lixeiros, desta vez con asentos un ao lado do outro, e formada polo adestrador bipraza Zlín Z 42 e o adestrador/avión deportivo de catro prazas Zlín Z 43. O Z 42 voou por vez primeira o 17 de outubro de 1967,[1] conseguindo a súa certificación o 7 de setembro de 1970.[2]
A sección central da fuselaxe é de tubo de aceiro soldado, cuberta por chapas de metal e paneis de fibra de vidro. O cono de cola é de construción monocasco. A empenaxe está feta de chapa. As ás de dous longueiros son de construción totalmente metálica. O tren de aterraxe en triciclo é fixo, coa roda de morro orientable. Deseñado para instrución acrobática, foi certificado para factores de carga de manobra límites de +6,0 e -4,0, e estaba equipado con sistemas de combustible e aceite completamente invertidos, permitindo un voo invertido prolongado. O Z 42 está impulsado por un motor de seis cilindros Walter invertido de 180 cabalos de potencia.
O revisado Zlín Z 42M voou en novembro de 1972, cunha cola revisada collida do Z 43, e unha hélice de velocidade constante substituíndo á hélice de paso variable (onde o paso da hélice está controlado polo piloto) do Z 42 orixinal. Cando os primeiros Z 42 foron reacondicionados coa nova hélice foron redesignados Z 42 MU.[2]
O desenvolvemento continuou co Zlín Z 142, cunha fuselaxe de dous asentos lixeiramente agrandado baseado no do Z 42 e co motor máis potente de seis cilindros invertidos e inxección de combustible Walter M 337 de 210 cabalos. O prototipo do Z-142 voou por primeira vez o 29 de decembro de 1978.[3]
A finais dos anos 80 iniciáronse máis traballos de desenvolvemento. O motor en liña invertido foi substituído por un Lycoming IO-360 de catro cilindros opostos horizontalmente. Esta variante é designada Z 242L Guru, e distínguese rapidamente polo seu relativamente ancho carenado que alberga o motor.
En 2021 Zlin introduciu un 242L revisado chamado Zeus. Este ten unha cola menos angular, unha cabina máis aerodinámica e un tren de aterraxe modificado.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Taylor, John W R, ed. (1971). Jane's All The World's Aircraft 1971-72. London: Sampson Low. ISBN 0-354-00094-2.
- Taylor, John W R, ed. (1980). Jane's All The World's Aircraft 1980-81. London: Jane's. ISBN 0-7106-0705-9.