Wikipedia:Xornal da Galipedia/01-10-2010/Novas e anuncios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Novas e anuncios

Un chisco de todo

Por Toliño, 1 de outubro de 2010

Neste artigo repasaremos, en breve, algunhas das novas acontecidas neste último mes de verán.

Cambiamos o noso aspecto

Como moitos de vós xa notastes, a principios de verán produciuse un cambio na aparencia por defecto da Galipedia. O devandito cambio foi paulatinamente introducíndose nun primeiro lugar en Commons, para logo aparecer na Wikipedia en inglés e no resto das 10 maiores wikipedias. Na fase IV do lanzamento atopábase, entre outras, a Wikipedia en galego. O novo aspecto vén como resultado dalgunhas versións beta que foi lanzando o equipo de experiencia de usuario da Fundación Wikimedia que traballou arreo para facerlles as cousas máis doadas aos editores.

A principal novidade é o cambio na aparencia por defecto, que agora é a Vector, cando antes traballabamos coa MonoBook. Non obstante, os usuarios son libres de elixir aquela que máis lles guste na lapela "Aparencia" das súas preferencias, dado que existen outras seis denominadas: azul colonial, clásica, moderna, morriña, parrulo e sinxela; e mesmo un pode crear unha aparencia propia, chamada a miña aparencia, creando as súas propias follas de estilo JS e CSS. Ademais, esta modificación levou consigo unha actualización do logo.

Para obter máis información sobre os principais cambios, bótalle unha ollada a Especial:UsabilityInitiativePrefSwitch.

A Galipedia nos móbiles

Boas novas en canto á accesibilidade desde dispositivos móbiles: é certo que a versión móbil estaba dispoñible desde hai tempo, pero o 13 de setembro activouse a páxina de inicio específica. Ata o de agora só tiñamos un texto que indicaba que estaba sen configurar. A páxina local atópase en Wikipedia:Galipedia móbil; a versión móbil atópase neste enderezo: http://gl.m.wikipedia.org/.

Estatísticas

Noutra orde de cousas, cabe destacar que se acadaron os 63.000 artigos. Con eles, sumamos 1.000 artigos máis nun mes, facendo a Galipedia máis ampla e completa. Ademais, continuamos fieis á media dun millar de artigos novos cada mes. Seguimos animando á xente a que se una e participe neste proxecto, para melloralo e facelo medrar aínda máis. Cantos máis sexamos, antes conseguiremos achegármonos un chisco máis ao obxectivo: conseguir unha enciclopedia libre e completa en galego.

Por outra banda, escalamos un posto na clasificación global de wikipedias segundo o número de artigos. Xa estamos no posto 41! Adiantamos a lingua tai e colocámonos detrás do inglés sinxelo, ao que temos a máis de 1.500 artigos. Deste xeito, recuperamos a posición que ostentabamos no noso sétimo aniversario, hai sete meses.

01-10-2010
Neste número
  • Novas e anuncios
  • Proxectos irmáns
  • ← Volver aos contidos

    + Engade un comentarioConversa sobre esta historia
    Aínda non hai comentarios. Ti podes ser o primeiro en achegar unha opinión!