Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2009

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A muralla de Lugo data da época romana, comezando coa súa contrución probabelmente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. Dita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. En 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000 a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.

O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 metros e a súa altura varía entre os 8 e os 12 metros. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. Sobre a muralla o camiño de ronda varía entre os 4,5 e os 7 metros de largo. Na parte exterior un foxo con forma de V podía encherse de auga en caso de perigo. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71, e a súa función era defensiva; as outras 16 torres foron reconstruídas total ou parcialmente. Inicialmente a muralla tiña cinco portas, pero posteriormente abríronse outras cinco.