Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Carolina Casanova, máis coñecida como Carolina Casanova de Cepeda ou simplemente como "La Cepeda", nada o 10 de xaneiro de 1847 no ferrolán barrio de Esteiro e finada en Madrid o 8 de febreiro de 1910, foi unha soprano galega, considerada como unha das mellores sopranos da segunda metade do século XIX. Foi unha das primeiras sopranos españolas en acadar renome en Europa.

Ao longo da súa carreira Carolina Casanova actuou nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos do mundo, como o Teatro alla Scala de Milán, o Teatro San Carlo de Nápoles, ou a Royal Opera House de Londres, tendo realizado estreas mundiais como a de Il mercadante di Venezia de Ciro Pinsuti. Logo de deixar a súa carreira concertística exerceu como profesora na Escola Nacional de Música e Declamación (actualmente denominado Real Conservatorio Superior de Música de Madrid), onde formaría a futuras personalidades importantes do mundo da ópera española.

No momento da súa morte, durante as festividades do Entroido, o Conservatorio abriu as súas portas para que alumnado e profesorado do centro puideran darlle a última homenaxe, e algúns xornais cualificaron a súa como "unha perda irreparable" para a arte española.