Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Manuel Rilo Pardo, coñecido como O Rilo de Betanzos ou O vello Rilo, nado en San Nicolao de Cis (Oza dos Ríos) en 1829 e finado na parroquia de Salto do mesmo concello o 16 de marzo de 1907, foi un gaiteiro da comarca de Betanzos. Acadou sona participando nos frecuentes certames de gaiteiros de finais do século XIX, nunha época na que aparecían a nivel europeo novas correntes de pensamento enaltecedoras do folclore, e na que o galeguismo facía de gaitas e gaiteiros un dos seus símbolos. A súa coñecida figura, inmortalizada polo artista Xosé Veiga Roel, e o seu repertorio, propio do gaiteiro tradicional, eran contrapostos na prensa da época ao de gaiteiros máis innovadores que introducían no panorama musical galego novas pezas, vestimenta e instrumentación.