Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2024

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Georgii Vasilevich Chicherin, nado en Karaul en 1872 e finado en Moscova en 1936, foi un político e revolucionario ruso e ministro soviético de Asuntos Exteriores de 1918 a 1930. Contrario ao réxime tsarista, cooperou primeiro cos socialrevolucionarios antes de facerse socialdemócrata xa no exilio. Bolxevique ao comezo das disputas internas do partido (POSDR), en 1905, tralo fracaso da revolución pasou a militar cos menxeviques. Entre 1907 e 1914, como secretario da Oficina Central no Estranxeiro do POSDR, demostrou ser un crítico acerbo de Lenin e os seus seguidores. Activo nos movementos socialistas de Europa occidental, acabou desilusionado polo conservadorismo e moderación destes e dos menxeviques. Estaba en Francia cando estalou a primeira guerra mundial e, tras pasar por Bélxica, onde residía, fuxiu case inmediatamente a Gran Bretaña para escapar do avance alemán. Tras un pasaxeiro apoio contraditorio á guerra, adoptou unha posición claramente internacionalista, contraria ao conflito. Isto levouno a acercarse de novo aos bolxeviques, que sostiñan unha actitude similar. Pasou a guerra ata 1917 en Gran Bretaña, onde tratou de propagar o internacionalismo antibelicista tanto entre a emigración rusa no país como entre os socialistas británicos. Detido polo Goberno de Londres polas súas actividades contra a guerra, o novo Goberno bolxevique xurdido da Revolución de Outubro logrou a súa liberación a finais de 1917. Regresou a Rusia e foi nomeado primeiro vicecomisario –viceministro– de Asuntos Exteriores e, pouco despois, comisario –ministro–.

Artífice da expansión da Comisaría do Pobo de Asuntos Exteriores soviética ao longo da década de 1920, instrumento da defensa do sistema soviético durante eses anos, labrouse unha excelente reputación como diplomático entre os seus colegas europeos. Combinou con habilidade os intereses tradicionais de Rusia como gran potencia coa defensa do socialismo e do sistema soviético; sen abandonar a meta da extensión do socialismo, propugnou un sistema de relacións pacíficas coas potencias occidentais, ao tempo que trataba de evitar unha alianza destas contra Rusia, enfrontándoas entre elas. Contribuíu notablemente ao afianzamento do Goberno soviético durante o seu longo período á fronte da comisaría, de 1918 a 1930. A pesar de non pertencer ao politburó do PCUS e de non decidir a política exterior da URSS, o seu estilo marcou esta ao longo da década na que encabezou o ministerio. Desde o comezo do seu longo período á fronte do ministerio, forxou unha estreita relación de colaboración con Lenin, que lle permitiu enfrontarse á hostilidade dalgúns membros do partido. Entre 1921 e 1924, logrou que todas as grandes potencias –a excepción dos Estados Unidos– recoñecesen oficialmente ao Goberno soviético. Consideraba a Alemaña clave para a política exterior soviética e acadou a cima da súa carreira diplomática ao asinar con esta en 1922 o Tratado de Rapallo, que puxo fin ao illamento da Unión Soviética entre as potencias e garantiu a neutralidade alemá en caso de conflito con elas. Para Chicherin, a separación de Alemaña do resto de potencias favorecía a seguridade soviética. Denodado opositor do imperialismo británico ao que consideraba o principal inimigo do Goberno soviético, tratou de minar o seu poderío fomentando os movementos nacionalistas anticoloniais en Asia, especialmente tralo fracaso da revolución en Europa a partir de 1923. Suspicaz sobre as intencións dos vencedores da primeira guerra mundial respecto da URSS, preferiu apoiarse en Alemaña e rexeitou a Sociedade de Nacións, á que opuxo unha política de tratados bilaterais de neutralidade e non agresión. Gozou de maior autonomía entre a morte de Lenin en 1924 e o triunfo de Stalin nas disputas internas do Partido Comunista a finais da década de 1920. Apartado da dirección efectiva da política exterior do país desde 1928 tanto pola súa enfermidade como polas súas discrepancias con Stalin, este relevouno á fronte da comisaría en 1930.