Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2020
Os elementos do grupo 12 segundo a numeración recomendada pola IUPAC, son un grupo de elementos químicos da táboa periódica que inclúe o cinc (Zn), o cadmio (Cd) e mailo mercurio (Hg). Varios experimentos sobre átomos individuais de copernicio (Cn) apoian a inclusión deste elemento tamén no grupo 12. Segundo o sistema de numeración antigo, tanto da IUPAC coma do CAS, este grupo coñecíase como IIB.
Tanto o cinc coma o cadmio e o mercurio están presentes na natureza e teñen aplicacións moi variadas nos eidos da electricidade e a electrónica, así como para a formación de aliaxes. Os dous primeiros, metais sólidos en condicións normais, teñen propiedades moi semellantes. O mercurio, pola súa banda, é o único metal líquido a temperatura ambiente. O cinc ten unha grande importancia na bioquímica dos seres vivos, pero o cadmio e o mercurio son altamente tóxicos. Canto ao copernicio, dado que non existe de xeito natural, debe sintetizarse no laboratorio.