Wikipedia:Artigo destacado/outubro 2008

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínanse aditivos alimentarios aquelas substancias que poden ser engadidas intencionadamente nos alimentos e bebidas co obxectivo de modifica-los seus caracteres organolépticos (cor, sabor, textura, etc.), as técnicas de elaboración (facilitando a mestura dos ingredientes ou estabilizando unha presentación), a conservación do alimento (evitando, por exemplo, a oxidación dos compoñentes) ou para mellora-la adaptación ó uso ó que van ser destinados, pero sen o propósito de modifica-lo valor nutritivo do alimento.
Non se consideran aditivos aquelas substancias que desaparezan durante o proceso de elaboración (neste caso denomínanse axentes auxiliares ou coadxuvantes tecnolóxicos), nin tampouco os ingredientes que compoñen un produto alimenticio (aínda que teñan acción conservante ou outra, como pode se-lo caso do sal, azucre ou vinagre, por exemplo) nin siquera cando se engaden vitaminas ou minerais para enriquece-lo valor nutritivo do alimento. Tampouco o son as substancias utilizadas como soporte, para disolver, diluír ou modificar un aditivo nin, por suposto, as impurezas ou contaminantes que poida conte-lo alimento.