Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2008

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Xenocidio armenio (tamén coñecido coma Holocausto armenio ou Masacre armenio) é o termo normalmente empregado para facer referencia á deportación masiva e á morte durante a mesma dun número indeterminado de civís armenios, estimado en varios centos de miles ou máis dun millón, no goberno dos Mozos Turcos no Imperio Otomán, dende 1915 até 1917, durante a I Guerra Mundial.
Varios puntos en relación co xenocidio armenio son aínda hoxe materia dunha ardua discusión entre Turquía e a comunidade internacional. Aínda que non nega que os asasinatos de civís armenios ocorreran na realidade, o goberno turco non admite que se tratase dun xenocidio, argumentando que as mortes non foron a resulta dun plano de exterminio masivo organizado polo estado otomán, senón que, en troques, foron causadas polas loitas étnicas, as enfermidades e a fame durante o período da I Guerra Mundial. Porén, case tódolos estudosos -até algúns turcos- opinan que os feitos encádranse na definición actual de xenocidio.