Wikipedia:Artigo destacado/maio 2019
A explosión de Halifax foi un desastre marítimo en Halifax, Nova Escocia, Canadá, sucedido na mañá do 6 de decembro de 1917. O navío noruegués SS Imo colidiu co SS Mont-Blanc, un buque de carga francés cargado de explosivos, no estreito de Narrows que conecta a baía de Halifax coa enseada de Bedford. O lume provocado na borda do navío francés prendeu os explosivos da súa carga, provocando unha gran explosión que devastou o distrito de Richmond de Halifax. Aproximadamente unhas 2 000 persoas faleceron, e segundo as estimacións outras 9 000 persoas quedaron feridas. Esta foi a maior explosión provocada polo home da historia antes do desenvolvemento das armas nucleares.
Case tódalas estruturas a un radio de 800 metros quedaron arrasadas, incluíndo a comunidade de Richmond. En Dartmouth, ó outro lado da baía, tamén se produciron danos xeneralizados.
Os traballos de recuperación comezaron case de inmediato, e os hospitais enchéronse de feridos en pouco tempo. O mesmo día da explosión comezaron a chegar trens de rescate dende Nova Escocia e Novo Brunswick, mentres que outros trens enviados dende Canadá central e dende o nordeste dos Estados Unidos de América non puideron chegar por mor das nevaradas. A investigación xudicial inicial determinou que o Mont-Blanc fora o responsable do desastre, mais unha apelación posterior determinou que ámbolos dous navíos tiñan a culpa do sucedido.