Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O paporroibo, tamén coñecido como paporrubio, peizoque, paifoco ou pisco (Erithacus rubecula) é un pequeno paxaro insectívoro e paseriforme da familia dos muscicápidos, que outrora foi clasificado dentro da familia dos túrdidos. Cun tamaño de 12,5–14,0 cm de lonxitude, o macho e a femia son semellantes en coloración, cun papo laranxa e rostro revestido de capas grises, marróns e unha barriga branca. Habita en Eurasia e no oeste de Siberia, no sur de Alxeria e nas illas do Atlántico chegando até os Azores e Madeira. É esporádico en Islandia. No suroeste, chéga até o Cáucaso. Os paporroibos de Irlanda e Gran Bretaña son residentes todo o ano mais existe unha pequena monía, polo xeral femias, que migran cara ó sur de Europa durante o inverno, chegando até a península Ibérica.

O paporroibo foi descrito por Carl von Linné en 1758 na décima edición de Systema Naturae baixo o nome binomial Motacilla rubecula. O seu epíteto específico rubecula é un diminutivo derivado do latín ruber 'vermello'. O termo paporroibo tamén é aplicado a outro paxaro doutra familia con papo alaranxado ou vermello. Trátase do paporroibo real (Pyrrhula pyrrhula), que é unha especie eurasiática da familia dos frinxílidos. O paporroibo xoga un papel importante no folclore das Illas Británicas, así como no noroeste de Francia. Nas Illas Británicas os paporroibos aparecen en contos tradicionais infantís, están asociados ó Nadal e ás tarxetas de Nadal e ós carteiros, aparecen en selos e serven de alcume para equipos deportivos.