O voo 4226 de EAS Airlines era un voo regular entre as cidades nixerianas de Kano e Lagos. Ao redor das 14:35 hora local do día 4 de maio de 2002 o aparello que operaba a ruta esnafrouse nunha área residencial da cidade de Gwammaja. O avión, un BAC One-Eleven 525FT con 69 pasaxeiros e 8 tripulantes a bordo, incendiouse tras o impacto. No accidente morreron 64 pasaxeiros e 7 tripulantes ademais de polo menos 78 persoas en terra.[1]
Antes do accidente, o avión involucrado fora deixado en terra en dúas ocasións: unha vez en 2001 durante once días para realizarlle o mantemento dos motores, e novamente en 2002 durante 52 días para solucionar problemas nos motores.
O voo 4226 é o accidente dun BAC One-Eleven con máis vítimas mortais. A posterior investigación realizada polas autoridades nixerianas concluou que o accidente foi causado por un erro do piloto.
O voo levaba 69 pasaxeiros e 8 tripulantes. O piloto era o capitán Inneh Peter e o copiloto era o primeiro oficial C.E Adegboye. Os enxeñeiros de voo eran Emmanuel Idoko e Muhammad Sarki. Os tripulantes de cabina eran Peros Doris, Iwenofu Nenne, Naomi Ukpong e Nwokeji Ifeyinwa. O voo 4226 engalou do aeroporto de Kano ás 1:32 p.m. hora local. O avión comezou entón a moverse bruscamente de lado a lado. O capitán Peter informou á torre de control que estaba tendo un fallo de motor. Posteriormente o avión esnafrouse contra o chan ás 1:35 p.m., xusto tres minutos despois da engalaxe.[2]
O avión golpeou múltiples estruturas no chan, incluída unha escola e dúas mesquitas cheas de xente, incendiándose. A meirande parte dos edificios colapsaron debido ao impacto.[3] Segundo as testemuñas escoitáronse varias chamadas solicitando axuda dende dentro do avión. Os bombeiros apresuráronse á escena. Porén, debido á ausencia de auga na zona foron incapaces de apagar o lume.[2]
Catro superviventes foron sacados vivos dos restos. Entre eles había un pasaxeiro libanés, un xeneral do exército e un asistente de voo. 26 corpos foron recuperados do lugar do accidente. Tres dos alumnos da escola quedaron atrapados entre os cascallos e o director da mesma puido ser rescatado. Posteriormente os rescatadores atoparon máis de 70 corpos no lugar do sinistro.