Voo 253 de Braathens SAFE

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 253 de Braathens SAFE
Heron semellante ao accidentado
Resumo
Data  7 de novembro de 1956
Causa  formación de xeo
Lugar  Hummelfjell, Noruega
Coordenadas  Coordenadas: 62°24′14″N 11°16′52″L / 62.404, 11.281
Orixe  Trondheim, Værnes
Destino  Oslo, Fornebu
Finados  2
Aeronave
Tipo de aeronave de Havilland DH-114 Heron 2B
Operador  Braathens SAFE
Rexistro  LN-SUR
Pasaxeiros  10
Tripulación  2
Superviventes  10

O voo 253 de Braathens SAFE, tamén coñecido como accidente de Hummelfjell, ocorreu o día 7 de novembro de 1956 ás 9:50, cando un de Havilland Heron se esnafrou na montaña Hummelfjell en Tolga, Noruega. O avión de Braathens SAFE atopábase en ruta entre o aeroporto de Trondheim, Værnes e o aeroporto de Oslo, Fornebu. Mentres pasaba Røros o Heron comezou a experimentar unha rápida formación de xeo atmosférico que en pouco tempo foi demasiado para que o sistema de protección contra o xeo puidese facer algo contra el. En combinación coa corrente descendente de aire, o avión perdeu a suficiente sustentación como para estar no aire. Os pilotos foron capaces de xirar o avión, pero chocaron en Hummelfjell a unha altura de 1 350 metros.

O capitán do avión morreu no impacto e un pasaxeiro morreu pouco despois. Dez persoas sobreviviron ao accidente, que foi o primeiro con vítimas mortais de Braathens SAFE. Entre os superviventes estaba Rolf Kirkvaag, no momento o presentador de radio máis popular de Noruega. A operación de busca e rescate foi obstaculizada gravemente por unha cifra e por pouca visibilidade. Kirkvaag e outra persoa deixaron o avión despois dun día e atopáronse cun grupo de rescate. A investigación concluíu que non houbo fallos técnicos ou erros dos pilotos, e que non era posible predicir as condicións meteorolóxicas que causaron a formación de xeo.

Accidente[editar | editar a fonte]

O aparello accidentado era un de Havilland DH-114 Heron 2B, con rexistro LN-SUR e número de serie 14093, bautizado como Lars. Fora comprado novo por Braathens SAFE e rexistrouse o 8 de febreiro de 1956.[1] Os Heron foran introducidos na frota de Braathens SAFE en 1952 e estiveron en servizo ata 1960.[2] Lars estaba asegurado por Lloyd's.[3]

O voo 253 era un servizo regular dende o aeroporto de Trondheim, Værnes ata o aeroporto de Oslo, Fornebu, cun tempo dunha hora e media de voo.[4] Tiña unha tripulación de dous e dez pasaxeiros.[5] Entre os pasaxeiros estaba o presentador de radio e xornalista da NRK Rolf Kirkvaag.

O voo engalou de Værnes at 8:30. Trepou a unha altitude de cruceiro de 2 500 metros (8 000 pés) e pasou a baliza de radio de Tolga ás 09:12. Na área ao redor de Røros o avión comezou a experimentar formación de xeo, que rapidamente chegou a niveis que non puideron ser eliminados polo sistema de protección contra o xeo. Ademais, o avión estaba suxeito a unha corrente descendente de aire. Os pilotos polo tanto elixiron dar a volta e regresar a Trondheim. Porén, a formación de xeo foi tan agresiva que o avión continuou perdendo altitude.[6] Estaba voando a través dunha cifra con pouca visibilidade, facendo moi difícil a navegación.[7]

Ademais de afectar negativamente á sustentación aerodinámica, o xeo cubriu o parabrisas e a antena de radio, causando que as comunicacións se cortasen.[8] Os pilotos non eran así capaces de navegar axeitadamente e non se decataron de que estaban voando cara á montaña.[7] O avión chocou coa montaña Hummelfjell ás 09:50, a unha altitude de 1 350 metros,[6] no municipio de Tolga.[9] O avión voaba a uns 300 km/h no momento do impacto, golpeando o chan primeiro coa cola. Os motores desprendéronse e o avión esvarou ao longo dunha duna de neve. O avión rebotou unha vez antes de quedar parado nunha duna de neve, a cal limitou a forza do impacto considerablemente salvando supostamente moitas vidas.[9]

Rescate[editar | editar a fonte]

Dez persoas sobreviviron ao accidente. O capitán morreu no impacto e un pasaxeiro morreu un tempo despois por problemas de corazón relacionados co estrés polo accidente. O avión acabou nunha zona illada, con mal tempo e nun lugar de difícil acceso para os equipos de rescate.[5] Os pasaxeiros estiveron durante un día no avión, agardando polo rescate. Kirkvaag era consciente dos perigos de que os pasaxeiros feridos e conxelados quedasen durmidos.[9] Comezaron a pasar lista cada dez minutos e Kirkvaag improvisou un programa de radio para manter a moral alta.[10] O accidente e as operacións de rescate xeraron un grande interese dos medios e a radio foi un medio popular para seguir os acontecementos. Este feito intensificouse ao estar un famoso entre os pasaxeiros.[4]

O lugar estaba cuberto de neve e brétema, facendo a operación de busca e rescate moi difícil. A visibilidade era tan pobre que os rescatadores terían que camiñar directamente ao avión se quería atopalo. Estimouse que había uns 20 metros de visibilidade no lugar. Levouse a cabo unha busca con avións, pero foi inútil xa que estes non podían ver os restos.[11] Máis crítico foi que as autoridades ao principio non sabían a localización do lugar do accidente. Inicialmente todo o que se sabía era que estaba nalgures entre Trondheim e Oslo, probablemente nalgún lugar en Østerdalen. Posteriormente chegaron informes dunha área ao redor de Hummelfjell onde a xente escoitara un forte ruído e a busca concentrouse ao redor desa zona.[4]

A busca foi dirixida polo inspector de policía Oppegård. O 8 de novembro un equipo de 28 persoas comezou a busca do avión na área de Hummelfjell, baseándose nas observacións do forte ruído escoitado. Estableceron unha base de operacións nunha granxa en Brend, que era capaz de alimentar e albergar todo o grupo de militares e voluntarios. Tiñan dous vehículos de eirugas M29 Weasel, pero non puideron ser usados. Designouse unha área de busca de 10 por 20 quilómetros entre Gråhøgda e Grøtvolen. Ao mesmo tempo un grupo de persoal da Garda Nacional foi enviado ao outro lado da montaña, para trepar e buscar o avión no lado de Atna.[11]

Despois de pasar unhas 24 horas no lugar do accidente, e sen ningún sinal de que a cifra fose a remitir, Kirkvaag (que tiña dúas fracturas nunha perna) e outro pasaxeiro decidiron saír e buscar axuda. Ao non ter esquís víronse forzados a camiñar pola espesa capa de neve.[10] Kirkevaag despois dixo que marchara nun estado de pánico, non querendo morrer no lugar do accidente. Ao pouco tempo atoparon o leito dun río que seguiron coa esperanza de atopar a alguén.[4] A visibilidade seguía sendo pobre, duns 20 metros. Porén, a parella tropezou con dous esquiadores de Hodalen, que os seguían. Kirkvaag despois comentou que estaba tan confuso que pensou que querían pasar polo que se apartou.[10] Foron capaces de alertar os coordinadores e os primeiros rescatadores chegaron ao avión ás 12:30, 27 horas despois do accidente. Porén, levou horas antes de que os accidentados fosen rescatados e varios deles tiveron que ser evacuados en padiolas fabricadas con partes do aparello.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hagby: 294
  2. Tjomsland & Wilsberg: 64-65
  3. "Flyet kan ikke berges: Instrumentene også ødelagt". Verdens Gang. 12 de novembro de 1956. p. 10.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Berget livet med hjelp fra «Sjonkel Rolf»". NRK. 2014-04-15. Archived from the original on 15 de abril de 2014. Consultado o 2019-01-29. 
  5. 5,0 5,1 Tjomsland & Wilsberg: 111
  6. 6,0 6,1 Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident de Havilland DH-114 Heron 2B LN-SUR Hummelfjell Mountain". aviation-safety.net. Consultado o 2019-01-29. 
  7. 7,0 7,1 "Rapporten om flyulykken på Hommelfjell: Usedvanlig sterk nedising årsaken Mannskapet gjorde ingen feil". Verdens Gang. 27 de novembro de 1956. p. 10
  8. "Desperat situasjon for flygerne". Verdens Gang. 9 de novembro de 1956. p. 1
  9. 9,0 9,1 9,2 "Heltene i flystyrten - Hedmark og Oppland". NRK. 2014-04-15. Archived from the original on 15 de abril de 2014. Consultado o 2019-01-30. 
  10. 10,0 10,1 10,2 "Her blei Sjonkel Rolf en folkehelt". NRK. 2014-04-15. Archived from the original on 15 de abril de 2014. Consultado o 2019-01-30. 
  11. 11,0 11,1 Ottesen, Rolf (8 de novembro de 1956). "Forrykende vær på fjellet letingen begynte grytidlig". Verdens Gang. p. 6