Voo 139 de Braathens SAFE
Voo 139 de Braathens SAFE | |
---|---|
![]() O avión secuestrado en 1982
| |
Resumo | |
Data | 21 de xuño de 1985 |
Causa | secuestro |
Lugar | Oslo, Fornebu |
Coordenadas | |
Orixe | Trondheim, Værnes |
Destino | Oslo, Fornebu |
Finados | 0 |
Feridos | 0 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 737-205 |
Operador | Braathens SAFE |
Rexistro | LN-SUG |
Pasaxeiros | 116 |
Tripulación | 5 |
Superviventes | 121 |
O voo 139 de Braathens SAFE foi o secuestro dun avión ocorrido en Noruega o 21 de xuño de 1985. O incidente foi nun Boeing 737-205 pertencente a Braathens SAFE que facía un servizo regular entre o aeroporto de Trondheim, Værnes e o aeroporto de Oslo, Fornebu. O secuestrador era Stein Arvid Husby, que estivo bébedo durante a meirande parte do incidente. Foi o primeiro secuestro dun avión en Noruega e non houbo mortos nin feridos. Husby foi sentenciado a tres anos na cadea e cinco anos de detención.
Armado cunha arma de aire comprimido, Husby ameazou a un asistente de cabina e díxolle ao capitán que continuase como estaba planeado cara Fornebu. Afirmou, falsamente, ter colocado explosivos a bordo. As súas demandas eran realizar unha declaración política e falar co Primeiro Ministro Kåre Willoch e a Ministra de Xustiza Mona Røkke. O avión aterrou ás 15:30 en Fornebu e foi rodeado pola policía. Despois dunha hora Husby liberou a 70 reféns a cambio de que o avión se movese a un lugar máis preto da terminal. 30 minutos despois Husby liberou o resto dos pasaxeiros. Estivo bebendo durante todo o incidente, e ás 17:30, despois de consumir as provisións de cervexa do avión, entregou a súa arma a cambio de máis cervexa. O avión foi inmediatamente asaltado e Husby arrestado.
Secuestro
[editar | editar a fonte]O secuestro ocorreu a bordo do voo 139 de Braathens SAFE en ruta dende o aeroporto de Trondheim, Værnes ata o aeroporto de Oslo, Fornebu. O avión era un Boeing 737-205, bautizado e con rexistro LN-SUG.[1][2] O día anterior ao secuestro, Husby graduárase no ensino secundario superior, onde estudara saúde e traballo social. Esa tarde mercara unha arma de aire comprimido en Trondheim. A arma estaba na súa equipaxe de man cando embarcou ao avión no aeroporto de Trondheim, onde non había control de seguridade. Seleccionou un asento na parte traseira do avión e cando estaba no aire amosoulle a arma a unha asistenta de voo, pedíndolle que informase ao capitán de que quería facerse co control do aparello, pero que doutro xeito todo ía proceder como estaba previsto. A asistenta de voo e posteriormente o secuestrador usaron o intercomunicador para falar co piloto.[3] A policía foi informada do incidente polos controladores ás 15:05.[4]
O avión aterrou en Fornebu ás 15:30, 15 minutos despois do programado. O avión aparcou a 700 metros da terminal. Foi inmediatamente rodeado por forzas especiais da policía, ademais de policías de Asker e Bærum. Dous policías especialmente adestrados foron situados na torre de control, dende onde negociaron con Husby. O aeroporto pechouse e o tráfico aéreo desviouse a Oslo-Gardermoen.[4] Os pasaxeiros non foron informados do incidente ata que o avión estivo rodeado de policías.[3] O secuestrador informou aos pasaxeiros e tripulación falsamente de que colocara explosivos nos baños, pero que ninguén resultaría ferido se cooperaban. Husby levaba un traxe e lentes de sol. Os pasaxeiros describiron as súas accións como calmadas.[5] Durante todo o incidente Husby pediu e bebeu continuamente cervexa.[3]
As demandas de Husby eran falar co Primeiro Ministro Kåre Willoch e coa Ministra de Xustiza Mona Røkke, ámbolos dous do Høyre (partido conservador). Tamén quería facer unha conferencia de prensa en Fornebu. Husby non estaba satisfeito de como o trataron tras deixar a cadea. Demandou recibir garantías para un mellor tratamento e seguridade económica das autoridades.[4] Asistido por un psicólogo, a policía negociou con Husby. Unha hora despois de aterrar 70 pasaxeiros foron liberados. O primeiro grupoestaba formado polos pasaxeiros que tiñan transbordos cara a outros voos. A cambio, o avión foi movido máis preto da terminal. Os pasaxeiros foron subidos a un autobús e levados á terminal doméstica, onde foron interrogados pola policía. O resto dos pasaxeiros foron liberados 30 minutos despois. Só quedaron os cinco membros da tripulación[6].
Un amigo de Husby axudou á policía nas negociacións.[4] Ás 18:30 o avión quedou sen cervexa, polo que Husby chegou ao acordo de que tiraría a arma pola fiestra a cambio de máis cervexa. Esta foi entregada por un oficial de policía vestido de civil.[6] Posteriormente o avión foi asaltado por forzas especiais e Husby foi arrestado. Non houbo ningún ferido no secuestro.[6][7]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]Stein Arvid Husby, orixinario de Karmøy, tiña 24 anos de idade e acababa de rematar os seus estudos nunha escola escola de secundara superior católica en Trondheim. Anteriormente fora sentenciado cinco veces por delitos de violencia, incluído un atraco a man armada a un taxi e a ameaza a un lensmann cunha escopeta.[3][8] O seu pai batía nel e comezara a beber aos 13 anos.[9] Perdeu o seu traballo de mariñeiro polo seu alcoholismo e entrou nunha institución psiquiátrica en 1980, cando tiña 19 anos. En 1983 foi admitido nunha escola cristiá e conseguiu afastarse do alcol durante dous anos, pero comezara a beber novamente xusto antes do incidente. Husby dixo que tiña medo a perder aos seus amigos debido ao seu abuso do alcol.[8]
Durante o xuízo, Husby dixo que quería axuda da sociedade e chamar a atención sobre a súa causa. Porén, lamentou ter secuestrado o avión. Dixo que todo o que quería era enviar unha mensaxe ao ministro de xustiza e ao primeiro ministro dicindo que precisaba axuda, e que non tiña a intención de que os outros pasaxeiros se enterasen das súas ameazas. Husby dixo que o secuestro foi espontáneo e que o seu plan era un roubo a man armada ou tomar reféns no hotel Radisson SAS de Oslo.[8] O seu avogado argumentou que Husby non cometera un secuestro ceñíndose estritamente á lei, senón que tomou reféns, polo que conseguiu unha pena menor para o seu defendido.[10] Os psiquiatras no xuízo dixeron que Husby tivera unha infancia difícil, e fora definido como alcohólico á idade de 17 anos. Os psiquiatras consideraron que tiña habilidades moi pouco desenvolvidas para realizar decisións racionais e unha saúde mental débil. Tamén afirmaron que comtera crimes para identificarse a si mesmo debido á súa baixa autoestima.[8] O 29 de maio de 1986 Husby foi declarado culpable de secuestro e foi condenado a tres anos de cárcere e cinco anos de supervisión preventiva.[9][10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tjomsland, Audun & Wilsberg, Kjell (1996). Braathens SAFE 50 år: Mot alle odds. ISBN 82-990400-1-9.
- ↑ Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 737-205 LN-SUG Oslo-Fornebu Airport (FBU)". aviation-safety.net. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 2018-12-29.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Den 24 år gamle mannen fra Karmøy som fredag kapret et". Norwegian News Agency. 23 de xuño de 1985
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Foreløpig samlemelding". Norwegian News Agency. 21 de xuño de 1985
- ↑ "- Det var en skremmende opplevelse". Norwegian News Agency. 21 de xuño de 1985
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Flykapreren i dramaet på Fornebu kastet våpnet ut av flyvinduet". Norwegian News Agency. 21 de xuño de 1985
- ↑ Andersen, Alf G. (22 de xuño de 1985). "Da kapreren strakte våpen". Aftenposten
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 "Flykapreren angrer" (en noruegués). Norwegian News Agency. 26 de maio de 1986.
- ↑ 9,0 9,1 "Tre års fengsel for flykapreren" (en noruegués). Norwegian News Agency. 30 de maio de 1986.
- ↑ 10,0 10,1 "24åring kjent skyldig som flykaprer: første dom efter ny lov". Aftenposten (en noruegués). 30 de maio de 1986.