O aparello implicado era un Boeing 737 MAX 9 con número de serie do fabricante 67501, rexistrado como N704AL. Tiña uns dous meses de idade no momento do incidente; voara por vez primeira o 15 de outubro de 2023, fora entregado a Alaska Airlines o 31 de outubro e entrara en servizo o 11 de novembro.[2][3][4] Segundo os rastreadores de voos, a aeronave rexistrara 145 voos no momento do accidente.[5]
O MAX 9 ten portas de emerxencia opcionais na parte media traseira da cabina, en cada lado detrás das ás. Os avións con configuración de máis de 189 asentos, como os MAX 9 de Lion Air con 220 ou os de Corendon Dutch Airlines con 213, precisan máis portas de saída e ramplas para cumprir coas regulacións de evacuación. En caso contrario, en avións con configuracións menos densas, como as de Alaska Airlines (178) e United Airlines (179), instálanse paneis no lugar desas portas, como foi o caso desta aeronave.[1][6]
A fuselaxe e o panel son fabricados e montados inicialmente por Spirit AeroSystems en Wichita, Kansas, e despois son enviados para a montaxe final na fábrica de Boeing de Renton, no estado de Washington.[7]
O voo 1282 engalou do aeroporto internacional de Portland o 5 de xaneiro de 2024 ás 5:07 p.m. PST. A bordo ían seis tripulantes e 171 pasaxeiros.[8] Uns seis minutos despois da engalaxe, un panel instalado para substituír a porta de emerxencia opcional a babor separouse da fuselaxe, causando unha descompresión descontrolada do aparello.[1][9] As máscaras de osíxeno da aeronave despregáronse durante o incidente.[5] Segundo os primeiros informes non había ninguén no asento 26A, que estaba xusto ao lado do burato.[10] Tres pasaxeiros sofreron feridas leves que necesitaron atención médica e os obxectos dalgún pasaxeiros perdéronse cando saíron voando a través da abertura.[8][11]
A un adolescente sentado na fila 25 a descompresión arrincoulle a camisa e tivo que ser agarrado pola súa nai para non ser expulsado do avión.[12][13] Un pasaxeiro sentado no asento 16F dixo que escoitou un forte estrondo, seguido dun refacho de vento, o que foi repetido por outra pasaxeira que declarou que escoitou un forte estrondo, seguido das máscaras de osíxeno despregándose e un gran refacho de vento.[14] Un pasaxeiro afirmou que outros máis preto da abertura do avión puideron desprazarse a outros asentos máis afastados.[15]
A descompresión provocou que a porta da cabina de mando se abrise e golpease contra a porta do baño, quedando inicialmente atascada.[16] Tras varios intentos, un asistente de voo foi capaz de pechar a porta da cabina de mando.[16] Esta porta está deseñada para abrirse no caso de que se produza unha compresión descontrolada, pero a tripulación non o sabía.[17] A lista de verificación de referencia rápida laminada que estaba debaixo das fiestras da cabina saíu voando desta. O auricular do primeiro oficial foi arrincado e o do capitán foi expulsado.[16]
Observáronse danos interiores non estruturais nas filas 1 a 4, 11 e 12, 25 a 27, e 31 a 33, incluídos danos no asento 25A, que perdeu o seu reposacabezas e quedou retorcido, e no asento 26A, que perdeu o reposacabezas e o coxín do respaldo do asento, así como a mesa de bandexa na súa parte traseira.[16]