O voo 11 de Air Bagan era un servizo regular doméstico en Myanmar, dende Yangon ata Heho. O día 25 de decembro de 2012 o Fokker 100 que operaba a ruta estaba intentando aterrar no aeroporto de Heho cando golpeou paus da luz e esnafrouse nunha estrada, acabando nun campo de arroz onde se incendiou.[1] Árbores nos dous lados da estrada fixeron que as ás se separasen. O avión levaba 65 pasaxeiros, dos cales un morreu e nove resultaron feridos. Un motorista foi golpeado polo avión e morreu e outra persoa en terra resultou ferida.[1] A causa do accidente aínda non está clara; informouse de que os pilotos intentaran aterrar o avión na estrada por un erro, pero unha testemuña dixo que o avión xa estaba ardendo antes de esnafrarse. Os pilotos resultaron feridos e recibiron tratamento hospitalario.[2]
Dous británicos, un coreano e dous estadounidenses estaban entre os pasaxeiros feridos.[3]
As caixas negras do avión foron enviadas á Oficina de Seguridade de Transporte Australiana para a súa análise.[4] O Ministro de Información de Myanmar dixo que os pilotos confundiran unha estrada coa pista do aeroporto en condicións de densa brétema e aterraron o avión nun campo de arroz.