Vocabulario Científico Internacional
O Vocabulario científico internacional, VCI, (ou ISV nas súas siglas en inglés, de International Scientific Vocabulary) é un tipo de vocabulario que abarca as palabras científicas e especializadas utilizadas, nas chamadas linguas modernas, por todos os científicos do mundo para entendérense entre eles.
Historia e características
[editar | editar a fonte]O primeiro vocabulario científico internacional coñecido estableceuno Philip Babcock Gove dentro do Terceiro novo dicionario internacional de Webster (1961)[1]. Segundo o observado por David Crystal[2], a ciencia é un campo especialmente produtivo para as novas invencións.
Segundo o terceiro Webster, as "palabras do ISV (como, por exemplo, lipoid) creáronse tomando unha palabra cun significado algo xeral e simple a partir dunha das linguas da antigüidade clásica, xeralmente o grego e o latín, pero conferíndolle un significado moi específico e complicado, adecuado para os propósitos do discurso científico moderno. Unha palabra do VCI é tipicamente un derivado ou un composto que "consegue só as súas materias primas dos idiomas da antigüidade". A súa morfoloxía pode variar segundo os diferentes idiomas modernos.
A versión on line do Terceiro novo dicionario internacional de Webster (Merriam-Webster, 2002)[3] engade que o ISV "consiste nas palabras ou outras formas lingüísticas actuais en dous o máis idiomas", e que "se diferencia do latín moderno (New Latin) en que estes termos se adaptan á estrutura dos idiomas individuais nos que aparecen"[4]. É dicir, os termos do VCI constrúense a miúdo con formas gregas, latinas, o outras que se combinan, pero cada lingua escribe, e pronuncia, os neolexemas que resultan de acordo coas súas propias normas morfolóxicas.
Con todo, non se debe esquecer a eiva, presente en moitos termos da botánica, segundo Font Quer[5], das chamadas voces híbridas, isto é, compostas por un primeiro elemento grego e o segundo latino, ou viceversa, e que, de ser posíbel, non se deben empregar. E moito menos se o primeiro elemento procede dunha lingua moderna, que algún caso hai, por exemplo, no español científico. A homoxeneidade léxica exixe que todo termo composto estea formado por todos os seus compoñentes, dous ou máis, da mesma natureza lingüística.
Tom McArthur[4] cualifica as palabras e os morfemas do ISV como translinguistics, explicando que funcionan "en moitos idiomas que serven como medios para a educación, a cultura, a ciencia, e a tecnoloxía". Ademais de en idiomas europeos, tales como o inglés, o castelán, o ruso, o sueco, o portugués ou o galego, os lexemas do VCI empréganse tamén en idiomas como o xaponés, o malaio, o filipino (tagalog ou tagalo en galego) e outras linguas asiáticas. McArthur afirma que "non hai outro sistema de palabras e de morfemas tan internacional".
O VCI é un dos principais motores do desenvolvemento e a estandarización da Interlingua. Os termos científicos e médicos en interlingua son en gran parte de orixe grecolatina, pero, como a maioría das palabras da interlingua, aparecen nunha ampla gama de idiomas. O vocabulario da interlingua establécese utilizando un grupo de idiomas de control seleccionado porque irradien palabras e absorben palabras dunha gran cantidade doutros idiomas. E, mediante a técnica do prototyping ou proto instances, despois selecciónase un antepasado común máis recente de cada palabra elixíbel. Este procedemento serve para dar á interlingua o vocabulario o máis internacional posíbel[6].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ McArthur, T. (ed.), The Oxford Companion to the English Language. Oxford University Press, 1992.
- ↑ Crystal, D. The Cambridge Encyclopedia of the English Language. Cambridge University Press, 1995.
- ↑ "International scientific vocabulary". Webster's Third New International Dictionary, Unabridged. Merriam-Webster, 2002.
- ↑ 4,0 4,1 McArthur, T. Asian Lexicography: Past, Present, and Prospective, introducción de Lexicography in Asia. Password Publishers Limited, 1998.
- ↑ Font Quer, P. Diccionario de botánica. Editorial Labor, S.A., 1993.
- ↑ 6. Gode, A. Interlingua: A Dictionary of the International Language. Nova York: Storm Publishers, 1951.