Viaduto de Madrid (Redondela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Viaduto de Madrid")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°17′03″N 8°36′31″O / 42.28417, -8.60861

Viaduto de Madrid
Redondela Viadukt.jpg
Localización
RíoVal de Redondela (río Alvedosa)
ConcelloRedondela
ProvinciaPontevedra, Galicia
Características
Construción1876
Lonxitude411 m
Ancho3 m
MaterialFerro

O Viaduto Pedro Floriani ou Viaduto de Madrid é unha das dúas pontes ferroviarias que atravesan o centro da vila pontevedresa de Redondela, xunto co viaduto de Pontevedra. Foi inaugurado o 30 de xullo do ano 1876 e estivo activo durante máis dun século na ruta ferroviaria Vigo-Ourense. Un dos seus contratistas suicidouse tirándose dende o alto da ponte por mor dos impagos da administración[1]. No ano 1978 abriuse un expediente para declaralos Ben de Interese Cultural pero aínda non foi resolto.[2] No ano 2012 realizáronse labores de rehabilitación da estrutura.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Placa da compañía Fives-Lille, encargada da construción do viaduto.

O Estado Español concedeu a Galiza a rede ferroviaria propia o 12 de maio de 1863. Porén, non foi até 13 anos despois, en 1876, cando circulase o primeiro convoi pola ruta Vigo-Ourense.

A orografía do val no que está localizada a vila de Redondela facía precisa a construción dun viaduto que salvase a distancia do val, a tenor da opinión do arquitecto F. Javier Boguerín e a súa obra Memoria do Trazado: Obras de Arte: Viadutos e túneles. Así, a primeira opción en ser barallada foi a construción da ponte pola parroquia de Saxamonde, mais foi desbotada pola orografía incompatíbel. Deste xeito, apareceron novas limitacións que superar, coma a altura do viaduto, as fortes pendentes de até o 2% e a implantación dun percorrido pouco rectilíneo, con curvas de até 800 m de raio.

O arquitecto Augusto Cazaux foi o encargado de dirixir a construción da obra, e a Compagnie de Fives-Lille foi a empresa francesa responsábel do aparello tecnolóxico desta.[4]

Aspectos técnicos[editar | editar a fonte]

O viaduto está composto por dous tipos de material: ferro e pedra. A idea de empregar madeira como material, malia a ser máis barata, desbotouse polas características meteorolóxicas da vila, con precipitacións abundantes durante case que todo o ano. O vermello do ferro laminado ou palastro proporciónalle unha cor característica, e diferente ao viaduto de Pontevedra cuxa cor é agrisada.

A estrutura ten unha altura de 32 m e unha lonxitude de 411 m, dos cales 255,89 m corresponden á parte metálica, e o resto a parte de pedra. Os piares están compostos tamén de pedra, e no seu interior están enchidos con milleiros de piñeiros, xa que a madeira resultaba máis económica.

O viaduto na cultura popular redondelá[editar | editar a fonte]

Na vila de Redondela está fortemente estendida a hipótese de que foi o arquitecto Pedro Floriani quen construíu a obra. Esta crenza xorde coa confusión co arquitecto Pietro Paolo Floriani da Macerata, mestre italiano discípulo de Gustave Eiffiel. Existe, porén, a figura de Pedro Floriani, que semella foi un subcontratista da obra e un dos mentores desta.

Após de lle notificar que non cobraría o importe da súa obra por motivos técnicos, Pedro Floriani tentou suicidarse, malia que só conseguiu ficar inválido. Os outros financiadores da obra que tampouco cobraron os custes foron Francisco Buenagua Magulegui, de Marquina (Biscaia), e Juan Praria Rozaza. Eles si conseguiron suicidarse.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Suicidio dun dos mentores do viaduto de Madrid, páxina de turismo de Redondela.". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2014. Consultado o 04 de xaneiro de 2014. 
  2. Viadutos de Redondela, Ben de Interese Cultural
  3. Faro de Vigo: O viaduto de Madrid recuperará o seu brillo.
  4. Antuña Souto CA, Antuña Castro J. Os viadutos de Redondela: arquitectura, arte e estética. Seminario de Estudos Redondeláns. ISSN 1698-8051, Nº4, 2007, páxs. 103-132
  5. J. Migueles. Viaduto Vello (de Ourense, de Monforte ou de Madrid) Arquivado 27 de decembro de 2013 en Wayback Machine.. Anecdotario Redondelán.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]