Venus de Mal'ta
A Venus de Mal'ta é unha estatuíña do Paleolítico Superior que representa unha muller. Foi descuberta na estación arqueolóxica de Mal'ta, nas beiras do río Belaya, afluente do Angara, a uns 100 km de distancia do Lago Baikal, en Siberia, Rusia.
Historia arqueolóxica
[editar | editar a fonte]O asentamento foi descuberto en 1928, sendo escavado por varios arqueólogos en varias campañas. Descubríronse 3 tipos de habitáculos: a) cabanas circulares; b) casas rectangulares, semisubterráneas, duns 3 x 4 m, semellantes ás de Gagarino e Kostienki, nas beiras do río Don; e, c) dúas grandes "edificacións" de 6 x 14 m. Os útiles aparecidos son de pedra, marfil e óso.
Datación do sitio
[editar | editar a fonte]As datas de Mal'ta obtidas polo método do C-14 son relativamente tardías: 12.800 a.C, o que converte a estación en coetánea do Magdaleniano europeo. O material lítico ou non, é paralelo do europeo magdaleniano.
Contexto arqueolóxico das Venus
[editar | editar a fonte]En Mal'ta recolléronse até 29 figuriñas de Venus, que apareceron nas vivendas rectangulares e nas cabanas. Recolléronse tamén outras figuras, principalmente de aves, e material diverso (coitelos, rapadores, agullas, subelas, colares etc.). En ambos os dous casos o material aparecía diferenciado polo lugar e por agrupamento, de xeito que para os prehistoriadores formaban depósitos masculinos (asociación de coitelos, armas de caza, figuras de aves) e mobiliario feminino (colares, agullas, subelas, raspadores).
Descrición xeral das venus de Mal'ta
[editar | editar a fonte]Estas estatuíñas femininas forman unha serie, na que a maior alcanza 136 mm e a menor 31 mm de altura. Con respecto ás Venus prehistóricas europeas, o seu risco máis notorio é a ausencia de esaxeración das zonas asociadas á maternidade: peitos e cadeiras apenas están máis que sinalados, pero as cadeiras preséntanse en bastantes casos alzadas; o ventre adoita ser plano e sen indicar o embigo. Porén sempre se indica o triángulo pubiano. Os brazos, en xeral, só están suxeridos. As pernas están esbozadas e acaban de forma apuntada. En varias das figuras insinúase algún tipo de vestimenta por medios decorativos.
A que figura como ilustración exponse en San Petersburgo no Ermitage.
Interpretación
[editar | editar a fonte]A frecuente insinuación de vestimenta nas estatuíñas de Mal'ta, e sobre todo as características de dúas delas, levou a V.I. Gromov a pensar que estaban cubertas con coiros de animais. Nunha está moi figurado o rabo dun félido, que o autor citado coida un león das cavernas. Para Gromov representarían feiticeiras participantes en ritos da fecundidade, ou mesmo prefiguracións temperás da Gran Deusa Nai que logo se afirma culturalmente no Neolítico.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Maringer, Johannes, Los Dioses de la Prehistoria: las religiones en Europa durante el Paleolítico. Destino. Barcelona. 1972, 2ª edic.
- Delporte, Henri, La imagen de la mujer en el arte prehistórico. Istmo. Madrid. 1982 (tradución española de L'image de la femme dans l'art préhistorique. París. 1979).