Unión Cultural San Bernabé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión Cultural San Bernabé
Tipoasociación cultural
Fundador(es)Argimiro Rico Trabada
SedeSan Bernabel
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

A Unión Cultural San Bernabé foi unha agrupación de coro e teatro fundada polo mestre Argimiro Rico Trabada na aldea de San Bernabel (Martín, Baleira) durante a Segunda República. Estaba formada por máis de vinte persoas, e o propio Argimiro Rico era o director. Na actuación da Festa da Árbore en San Bernabel o día 10 de maio de 1934, o coro interpretou a varias voces "Os Pinos", un himno á árbore e o himno das Xuventudes Galegas [1]. Logo varios nenos da agrupación cultural recitaron as poesías de Rosalía de Castro "Terra a Nosa", "Adeus ríos, adeus fontes" e "Airiños". En canto ás actuacións teatrais representaron A Morriña de Antón Presa Viso , Bodas de Ouro e Coroa de Flores. Outra das súas actuacións foi na Fonsagrada o 8 de novembro de 1934 co obxectivo de recadar fondos para unha Biblioteca Popular en San Bernabel [2]. Entre as obras que representaron estaban Noite de Ruada de Leandro Carré ou Bodas d´Ouro de G. Salinas. En canto á parte musical interpretaron entre outras pezas "Alborada Gallega", "Lonxe da Terriña", "Dous Amorores" e "Os Pinos". En canto á actuación do día da inauguración da citada biblioteca, o 20 de outubro de 1935 [3] estaba prevista a interpretación entre outras obras de Alalá da Mariña, Alalá de Triacastela, Alalá de Betanzos, varios himnos e muiñeiras.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, xoves, 17 de maio de 1934, px. 12.
  2. El Pueblo Gallego, sábado, 13 de novembro de 1934, px. 13.
  3. El Pueblo Gallego, sábado, 17 de outubro de 1935, px. 11.