US Open Cup

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «U.S. Open Cup»)
Lamar Hunt U.S. Open Cup
Fundación1914
RexiónEstados Unidos de América Estados Unidos
ConfederaciónCONCACAF
Equipos99
Actual campiónSporting Kansas City (4 títulos)
Máis laureadoBethlehem Steel FC e Maccabi Los Angeles (5 títulos)
TelevisiónESPN
Univision
OrganizadorUSSF
Sitio webEnlace

A Lamar Hunt U.S. Open Cup, tamén coñecida como U.S. Open Cup, é unha competición de fútbol estadounidense organizada pola federación de fútbol deste país, a USSF. A primeira edición desta competición xogouse en 1914, e é polo tanto a competición de fútbol máis antiga (en activo) dos Estados Unidos. Na súa centésimo cuarta edición bateuse o récord de participantes, un total de 99 equipos. Nesta copa participan equipos tanto profesionais como afeccionados das seguintes ligas: Major League Soccer, North American Soccer League, United Soccer League, Premier Development League e National Premier Soccer League [1].

O gañador da Lamar Hunt U.S. Open Cup clasifícase directamente para a Liga de Campións da CONCACAF.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira U.S. Open Cup, que nesa época se coñecía como National Challenge Cup, xogouse no ano 1914 e foi gañada polo Brooklyn Field Club [2]. Non foi ata o ano 1999 cando tivo lugar o cambio de nome en honor a Lamar Hunt, o propietario da MLS e pioneiro do fútbol nos Estados Unidos. Nas dúas primeiras décadas esta competición foi totalmente dominada polos equipos industriais, onde cabe subliñar o Bethlehem Steel FC que entre os anos 1914 e 1924 gañou cinco veces esta competición. E aínda conserva o título de equipo máis laureado da US Open Cup [2]. Dentro da conxuntura deste país foi habitual ver participando nesta competición equipos totalmente formados por emigrantes europeos. Na década dos setenta e a comezos dos oitenta, coincicindo coa era dourada da NASL con estrelas como Johan Cruyff, Franz Beckenbauer, George Best e Pelé, os equipos desta liga negáronse a participar nesta copa [2]. Coa creación da MLS, en 1996, os equipos estadounidenses desta liga comezaron a competir na Lamar Hunt U.S. Open Cup. E dende ese mesmo ano só un equipo que non formaba parte da MLS foi capaz de gañar esta competición, o Rochester Rhinos en 1999 [2].

Dende a primeira edición o trofeo que se entregaba ós gañadores era a Copa Dewar, doada por Sir Thomas Dewar. No ano 1979 este trofeo foi retirado por mor dos estragos. Pero no ano 1997 volveuse a entregar a Copa Dewar, até 2006 cando foi retirada definitivamente.

No ano 2017 cun total de 99 clubs participantes, que proveñen de 30 estados diferentes, bateuse o récord de participantes en toda a historia da Lamar Hunt U.S. Open Cup [2].

Formato[editar | editar a fonte]

As tres primeiras roldas clasificatorias son xogadas polos equipos das divisións inferiores á USL, é dicir a partir do cuarto nivel do fútbol estadounidense. As roldas son a partido único. É xa na cuarta rolda é cando entran o resto de equipos a participar nesta competición [3]. A partir desta rolda non entran novos equipos na competición. Todos os partidos, incluíndo a final, xóganse a 90 minutos e en caso de empate chégase a unha prórroga de media hora e en caso de manterse o empate o partido decidirase nos penaltis.

Os equipos filiais dos clubs profesionais non poden participar nesta competición dende o ano 2016.

Campións[editar | editar a fonte]

Todos os campións[editar | editar a fonte]

Actualizada a 30 de maio de 2018 [4]