Túpac Katari
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1750 Ayo Ayo, Bolivia |
Morte | 15 de novembro de 1781 (30/31 anos) A Paz, Bolivia |
Causa da morte | pena de morte, desmembramento |
Actividade | |
Ocupación | líder amerindio |
Familia | |
Cónxuxe | Bartolina Sisa |
Irmáns | Gregoria Apaza |
Julián Apaza Nina, máis coñecido como Túpac Catari, Túpaj Katari, ou simplemente Katari, nado en Ayo Ayo, provincia de Sica Sica, Vicerreinado do Perú, 1750, e finado na Paz o 15 de novembro de 1781, foi un indíxena aimará, líder das actividades independentistas de Bolivia e dunha rebelión indíxena contra o Imperio español a comezos da década de 1780. A súa irmá Gregoria Apaza, e a súa muller Bartolina Sisa, participaron na rebelión ó seu carón.
Polos seus esforzos, a súa derrota, tortura e brutal execución, (estirado polas extremidades até ser desmembrado), Túpac Katari é lembrado como un heroe polos movementos indíxenas da Bolivia moderna, que chaman á súa filosofía política Katarismo. Un grupo guerrilleiro boliviano, o Exército Guerrilleiro Túpac Katari, leva ese nome na súa honra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo dun mineiro que morreu nas minas de Potosí. Logo de quedar orfo na súa adolescencia, comezou a servir como axudante de cura, converténdose en campaneiro grazas ó seu tío Manuel, curaca dunha comunidade veciña a Ayo Ayo, chegando a ser campaneiro oficial da igrexa do poboado. Logo traballou dous anos como peón na mina de San Cristóbal, de Oruro, ó principio como barreteiro e logo carrexando anacos de mineral. Alí coñeceu o sufrimento doutros indíxenas e comezou a proclamar a necesidade de rebelarse.
Trasladouse a Sica Sica onde traballou como panadeiro e onde coñeceu á súa compañeira Bartolina Sisa. Máis tarde foi comerciante ambulante até A Paz, estudando a forma de pensar dos indíxenas, mestizos e cholos, observando especialmente o seu descontento crecente ante a explotación colonial.[1]
Foi secundado na súa loita pola súa esposa, Bartolina Sisa, e a súa irmá máis nova Gregoria Apaza. Adoptou o pseudónimo de Túpac Katari en homenaxe ao cacique-Inca rebelde Túpac Amaru II (1738-1781) que se levantou en Cuzco; e Tomás Catari (1740-1781), cacique de Chayanta.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Guzmán, Augusto, Tupaj Katari, Colección Tierra Firme, 1, Fondo de Cultura Económica, México, 1944; Siles, María Eugenia del Valle de, Historia de la rebelión de Túpac Catari, 1781-1782, Ed. Don Bosco, La Paz, 1990; Frigerio, José Oscar, La rebelión criolla de Oruro fue juzgada en Buenos Aires (1781-1801), Ediciones del Boulevard, Córdoba, 2011.
- ↑ "El cerco de Túpac Katari". Granma.cu (en castelán). Consultado o 2022-04-30.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Túpac Katari |