Terraza (xeoloxía)
En xeoloxía, unha terraza[1] é un accidente xeográfico con forma de banda de terreo ou banzo de orixe natural. Unha terraza consiste nunha superficie xeomórfica chaira ou cunha lixeira pendente, que está normalmente limitada por un lado por unha pendente ou escarpa forte descendente. Esta superficie plana xunto coa escarpa constitúen en conxunto a terraza. As terrazas poden consistir tamén nunha superficie plana limitada a ambos os lados por escarpas descendentes.[2][3]
O corpo de sedimentos que forman a terraza non é propiamente a terraza, xa que a terraza é, simplemente, unha forma do relevo.[4]
As terrazas fórmanse de diferentes maneiras, polo que hai diversos tipos.
Terraza fluvial
[editar | editar a fonte]As terrazas fluviais son restos dunha antiga chaira de inundación dun río. Orixínanse pola erosión dun río que afonda o seu leito sobre os sedimentos que antes depositou na súa antiga chaira de inundación (terrazas deposicionais e de incisión) ou, nalgúns casos, sobre o leito de rocha do fondo do val (terrazas de val ou strath terraces). Esta erosión pode ser o resultado de cambios no nivel do mar, levantamentos tectónicos locais ou rexionais, cambios climáticos locais ou rexionais, cambios na cantidade de sedimentos transportados polo río, cambios na descarga do río, ou unha complexa mestura destes e outros factores. As causas máis comúns de variacións nos ríos que crean terrazas fluviais son respostas hidrolóxicas, vexetativas e xeomórficas ao clima. Máis recentemente, a modificación directa de ríos e as súas cuncas por cambios realizados polo ser humano orixinaron o desenvolvemento de terrazas en moitos ríos.[2][5]
Teraza de kame
[editar | editar a fonte]As terrazas de kame[6] fórmanse nos laterais dun val glaciar e están formadas polos depósitos de gravas e areas estratificadas feitos por correntes de auga de fusión que flúen entre o xeo e o lateral do val adxacente.
Terraza mariña
[editar | editar a fonte]Unha terraza mariña representa unha antiga liña de costa dun mar ou océano. Pode formarse por abrasión ou erosión de materiais da costa (terrazas costeiras ou plataformas de abrasión creadas polas ondas); ou polas acumulacións de sedimentos en zonas pouco profundas ou ambientes costeiros lixeiramente emerxidos (terrazas construídas polo mar ou praias levantadas); ou pola bioconstrución por arrecifes de coral e a acumulación de materiais recifais (plataformas de arrecife) en rexións intertropicais.[7]
A formación dunha terraza mariña segue este proceso xeral: No leito de rocha debe orixinarse unha plataforma formada polas ondas (para este proceso cómpre unha alta enerxía das ondas). Aínda que este é o primeiro paso do proceso de formación dunha terraza mariña, non todas as plataformas formadas polas ondas orixinan terrazas mariñas. Unha vez que as ondas formaron a plataforma esta debe ser apartada da interacción con ondas de alta enerxía. Este proceso ocorre por cambios no nivel do mar debido a ciclos glaciares-interglaciares ou terreos elevados tectonicamente. Cando a plataforma creada polas ondas é elevada por riba do nivel do mar, pode conservarse.[8]
Terraza lacustre
[editar | editar a fonte]Unha terraza lacustre representa xeralmente unha liña de costa antiga dun lago glacial, proglacial ou non glacial. Como no caso das terrazas mariñas, unha terraza lacustre pode formarse por abraión ou erosión de materiais da costa do lago, por acumulacións de sedimentos en augas pouco profundas ou ambientes lixeiramente emerxidos, ou por algunha combinación do anterior. Dado o tamaño menor dos lagos comparado co do mar, as terrazas lacustres adoitan ser significtivamente máis estreitas e peor desenvolvidas que as mariñas.[9][10] Porén, non todas as terrazas lacustres son antigas liñas de costa. No caso das terrazas lacustres de antigos lagos limitados por paredes de xeo, algúns lagos proglaciares, e lagos de barreira formada por aluvións, adoitan representar os restos do antigo fondo deses lagos.[11][12][13] Finalmente, as terrazas de kame lacustres son restos de deltas ou fondos de antigos lagos de barreira de xeo marxinais.[14]
Terraza estrutural
[editar | editar a fonte]En xeomorfoloxía, unha terraza estrutural é unha terraza creada pola erosión diferencial dunhas capas de estratos horizontais ou case horizontais. A terraza é o resultado do desmantelamento preferencial feito pola erosión dunha capa máis branda de estratos con respecto aos estratos subxacentes máis duros. A eliminación preferencial do material máis brando expón a superficie plana dos estraos inferiores máis duros creando unha superficie achaiada que forma a terraza estrutural. Xeralmente son terrazas emparelladas (a cada lado dun río), pero non sempre están asociadas con vles de ríos.[2]
Terraza travertínica
[editar | editar a fonte]Unha terraza travertínica fórmase cando augas alcalinas supersaturadas quentadas xeotermicamente saen á superficie e forman fervenzas constituídas por carbonatos precipitados (travertinos).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Xeoloxía" en Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Howard, A.D., R.W. Fairbridge, J.H. Quinn, 1968, Terraces, fluvial—Introduction. in R.W. Fairbridge, ed., The Encyclopedia of Geomorphology: Encyclopedia of Earth Science Series, vol. 3. Reinhold. Book Corporation. New York, New York..
- ↑ Jackson, J.A., 1997, Glossary of Geology. American Geological Institute. Alexandria, Virginia.
- ↑ Morfología y geometría de los depósitos fluviales. Terrazas fluviales
- ↑ Blum, M., and T.E. Tonqvist, 2000, Fluvial responses to climate and sea-level change, a review and look forward. Sedimentology. v. 47 suppl. 1, pp. 2-48.
- ↑ Definición de kame* no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Pirazzoli, P. A., 2005, Marine Terraces. in M. L. Scheartz, ed., pp. 632-633. Encyclopedia of Coastal Science. Springer, New York, New York.
- ↑ "Clark, Alisha, Marine Terraces, University of California, Santa Cruz Island Geology and Geomorphology, accessed October 2013". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2013. Consultado o 27 de outubro de 2018.
- ↑ Bowman, D., 1971. Geomorphology of the shore terraces of the late Pleistocene Lisan Lake (Israel) Palaeoclimatology, Palaeoecology Palaeoclimatology. v. 9, no. 3, p. 183-209.
- ↑ Prieto, F.J.G.,1995, Shoreline forms and deposits in Gallocanta Lake (NE Spain) Geomorphology. v. 11, no. 4, p. 323-335.
- ↑ Shaw. E.D., 1915, Newly discovered beds of extinct lakes in southern and western Illinois and adjacent states. Bulletin no. 20, Illinois State Geological Survey, Champaign, Illinois, p. 139-157.
- ↑ Clayton, L., J.W. Attig, N.R. Ham, M.D. Johnson, C.E. Jennings, and K.M. Syverson, 2008, Ice-walled-lake plains: Implications for the origin of hummocky glacial topography in middle North America. Geomorphology. v. 97, no. 1-2, p. 237–248.
- ↑ Grimley, D.A., D. Larsen, S.W. Kaplan, C.H. Yansa, B.B. Curry, and E.A. Oches, 2009, A multi-proxy palaeoecological and palaeoclimatic record within full glacial lacustrine deposits, western Tennessee, USA Journal of Quaternary Science. v. 24, no. 8, p. 960 - 981.
- ↑ Bitinas, A. D. Karmaziene, and A. Jusiene, 2004, Glaciolacustrine kame terraces as an indicator of conditions of deglaciation in Lithuania during the Last Glaciation. Sedimentary Geology. v. 165, no. 3-4, p. 285–294.