Saltar ao contido

Terra bóla de neve

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Terra bóla de neve é o nome dunha teoría xeolóxica que pode resumirse así:

Nun pasado remoto a terra estivo totalmente cuberta polo xeo dende os polos ata o ecuador, os océanos incluídos.

Esta hipótese, aínda pouco coñecida polo público, non é nova, así a todo fai pouco tempo que os científicos empezaron a considerala coa atención debida. A inquietude acerca do cambio climático que se aveciña non é allea á volta á actualidade desta teoría.

O feito fundamental que a xustifica é a presenza en tódalas latitudes (descontando a deriva dos continentes) de vestixios de xeo, nas capas xeolóxicas que corresponden a unha mesma era, o proterozoico, entre 800 e 550 millóns de anos.

En 1998, Paul Hoffmann e Daniel Schrag, da universidade de Harvard, xustifican esta hipótese nun artigo da revista Science con argumentos de tectónica das placas e de mecanismos climáticos. Afirman ademais que, naquela era, houbo varios ciclos de glaciación total e desxeo.

Un equipo franco-estadounidense dirixido polo climatólogo Yannick Donnadieu (que traballa no CNRS francés) publicou o 18 de marzo de 2004 na revista Nature unha posible explicación do fenómeno, apoiada por simulacións informáticas.

Período Bola de Neve
(hai millóns de anos)
TonianoCrioxenianoEdiacarano

Rodinia, o supercontinente que reunía toda a terra emerxida do planeta empezou a fracturarse fai xustamente 800 millóns de anos. Esta dislocación foi provocada por movementos magmáticos na codia terrestre, acompañados por unha forte actividade volcánica. O contacto da lava cos océanos e a aparición de brazos de mar no ecuador aumentaron a cantidade de vapor no aire e logo multiplicaron as chuvias. Estas captaron o gas carbónico CO2 e o almacenaron no fondo dos mares baixo forma de carbonatos. Ademais a lava solidificouse nos continentes en forma de superficies basálticas que consomen moito carbono.

Ó baixar a concentración de CO2, principal gas responsable do efecto invernadoiro, diminúe a temperatura.

Logo ten lugar un proceso de retroacción positiva:

A temperatura baixa, o que provoca a extensión dos casquetes polares.

Aumenta así o albedo do planeta, é dicir que crece a proporción de luz reflectida e devolta ó espazo, polo tanto a terra conserva menos enerxía solar, e arrefríase inda máis.

Este proceso autoaliméntase ata chegar ó seu lóxico final: a extensión máxima dos casquetes, convertendo a terra nun planeta totalmente xeado, fai 750 millóns de anos, cunha temperatura de -20 graos no ecuador e de -80 nos polos.

Dúas cuestiones fundamentais:

1 - Como saíu o planeta deste círculo vicioso?

Todo indica que foron os mesmos volcáns os que o fixeron. En efecto, nun mundo de xeo, o balance da actividade volcánica é positivo en CO2 (emíteno os volcáns), e a atmosfera foi acadando unha concentración 350 veces máis alta cá actual. O efecto invernadoiro fixo subir a temperatura ata conseguir que, ó menos unha parte do mar se desconxelase.

2 - Como sobreviviu a vida?

Nesta época, a vida estaba constituída por microorganismos acuáticos. Algunhas especies puideron sobrevivir porque ó conxelarse lentamente a auga transfórmase en xeo moi transparente, e a escasa luz que lograba atravesar a enorme capa de xeo sobre o mar bastaba para manter o primeiro elo da cadea alimenticia. Sen esquecer o ecosistema das dorsais oceánicas que non dependen da luz do sol e que seguramente non foi perturbado pola glaciación.

Esta saída da glaciación dá unha idea do que pode acelerar o cambio climático actual: se a temperatura dos océanos sobe algúns graos, o carbono almacenado no seu fondo transformarase en burbullas de gas carbónico que se engadirán a atmosfera e empeorarán o efecto invernadoiro... outra retroacción positiva.