Termas romanas de Maximinos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°32′47″N 08°25′47″O / 41.54639, -8.42972

Termas de Maximinos.

As Termas romanas de Maximinos, tamén coñecidas como Alto da Cividade ou Colina dos Maximinos, son unhas termas romanas situadas na freguesía de Cividade, no concello portugués de Braga. Foron declaradas Monumento Nacional en 1986.

Historia[editar | editar a fonte]

As columnas e compartimentos que sustentan as cámaras dos baños termais.

Nas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo en 1977 descubríronse as termas públicas a carón do Foro da antiga cidade romana de Bracara Augusta, situado, segundo a tradición, no Largo de Paulo Orósio.

A área escavada das termas ocupa uns 850 m², mais o espazo das termas era maior, o que se deduce da presenza do hipocausto e piscina cara ao sur, separados do restante corpo do edificio por un estreito corredor. De finais do século I (Dinastía Flaviana) consérvanse as catro salas quentes, cuxos hipocaustos se encontran relativamente ben conservados, se ben non se conseguiu definir o seu circuíto interno nin a función dalgúns dos seus compartimentos anexos. A finais do século IV e comezos do século seguinte o edificio sufriu unha gran remodelación e a súa superficie foi reducida en boa medida[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MATOS, Fernando Mota de (2007); "Termas romanas de Maximinos", en Duarte de Almeida, Á. e Duarte Belo (coords.): Portugal: Património, Volume I. Rio de Mouro, Círculo de Leitores. ISBN 9789724239071

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]