Teeteto (diálogo)
Teeteto (diálogo) | |
---|---|
Título orixinal | Θεαίτητος |
Autor/a | Platón |
Lingua | Grego antigo |
Xénero(s) | diálogo |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Teeteto é un diálogo escrito por Platón que trata sobre a natureza do saber (a ciencia). Dentro da obra deste filósofo adoita situarse o Teeteto nun grupo de diálogos posteriores á publicación da República.[1]
Datación e situación relativas na obra platónica
[editar | editar a fonte]Considérase o Teeteto como un dos diálogos tardíos de Platón. Existe unha gran proximidade estilística e temática entre o Teeteto e o Parménides; ambos os diálogos serían escritos en 369/368 a.C.
Sócrates refírese á ocasión na que coñeceu aos filósofos eleáticos Parménides e Zenón. Os especialistas sosteñen que este encontro é ficticio, e que a referencia só pode apuntar á situación dramática do Parménides, polo que este último diálogo sería escrito pouco antes.[2][3]
O final do Teeteto —Sócrates debe interromper o diálogo para dar conta da súa acusación, pero promete retomala ao día seguinte— dá pé para que no Sofista, o interlocutor de Sócrates recorde que se reencontran, cumprindo co acordado o día anterior.
Ademais, ambos os diálogos son protagonizados polos mesmos interlocutores (Sócrates, Teodoro de Cirene e Teeteto) aos que se engade o Estranxeiro Eléata no Sofista. Este último personaxe cobra un valor fundamental tamén no Político.
Desta maneira viuse que o mesmo Platón vincula estes catro diálogos e dá unha orde de lectura para os mesmos: 1º Parménides, 2º Teeteto, 3º Sofista e 4º Político.[2]
Situación dramática e personaxes
[editar | editar a fonte]O diálogo comeza cunha breve introdución na que dous personaxes vinculados co círculo socrático, Euclides de Megara [4] e Terpsión, se encontran e intercambian observacións sobre unha batalla que se librara recentemente en Corinto, e sobre o destino dun dos cidadáns que participaran nela: o eminente matemático ateniense Teeteto.
A continuación, Euclides pide a un escravo que lea un manuscrito no que el rexistrara todos os detalles dunha conversa mantida entre Sócrates, o matemático Teodoro de Cirene e o seu discípulo Teeteto, daquela un mozo. Servíralle como fonte o relato do mesmo Sócrates.[5]
O resto do diálogo consiste na lectura directa deste escrito, que relata o encontro entre o filósofo e os dous matemáticos xusto o mesmo día en que o primeiro debía dar conta da acusación que se formulara contra el, e que o levaría máis tarde á morte.[6]
Estrutura do diálogo e contido
[editar | editar a fonte]Omitindo as longas e importantes digresións que contén, o diálogo trata sobre a natureza do saber. Nel ensáianse tres definicións: o saber é percepción; o saber é opinión verdadeira, e o saber é opinión verdadeira acompañada dunha explicación. Sócrates termina por recoñecer que ningunha das tres definicións é adecuada, o que lle dá ao diálogo o seu carácter aporético, é dicir, que non resolve o problema que o suscitou.[7]
O problema central do diálogo xorde deste carácter, e de que non apela, para resolver a aporía, á teoría das formas, un trazo máis que vincula este diálogo con aqueles da madurez de Platón, nos que trata dita teoría de maneira crítica.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jaeger, Werner Wilhelm: Paideia, III, 707.
- ↑ 2,0 2,1 Santa Cruz, Mª Isabel, Introducción al "Parménides", p. 9.
- ↑ Vallejo Campos, Álvaro, Introducción al "Teeteto", p. 139.
- ↑ Euclides de Megara foi un filósofo socrático grego que viviu ao redor de 400 a.C. e fundou a escola megárica. Os tradutores medievais a miúdo confundírono co matemático Euclides de Alexandría.
- ↑ Vallejo Campos, Álvaro, Introducción al "Teeteto", p. 145.
- ↑ Jaeger indica que este encontro de Sócrates con Teeteto é igual de ficticio que o encontro de Sócrates, Parménides e Zenón no Parménides. Paideia, III, p. 709.
- ↑ Vallejo Campos, Álvaro: Introducción al Teeteto, p. 146.
- ↑ Vallejo Campos, Álvaro: Introducción al Teeteto, p. 142.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jaeger, Werner Wilhelm (1942): Paideia, Die Formung des Griechischen Menschen. Ed. traducida ao español de Joaquín Xirau Palau (1962): Paideia: los ideales de la cultura griega, 2ª ed. Madrid: Fondo de Cultura Económica. ISBN 950-557-175-5.
- Platón (2003): Diálogos. Obra completa en 9 volumes. Volume V: Parménides. Teeteto. Sofista. Político. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1279-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Teeteto, o de la ciencia Texto español en PDF.
- Teeteto. Texto español en HTML.
- Platón (1990): Teeteto, o sobre la ciencia Edición, prólogo e notas de Manuel Balasch; introdución xeral de Antonio Alegre. Ed. bilingüe (grego/español). Barcelona: Anthropos / Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia. ISBN 84-7658-209-9.