Tarxeta de banda magnética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha tarxeta de banda magnética é un tipo de tarxeta capaz de almacenar datos modificando o magnetismo da súa banda. A banda magnética é lida fisicamente a través do contacto que se produce mentres se desliza pola cabeza lectora. O seu uso está moi estendido, pero na actualidade hai sistemas máis seguros e difíciles de falsificar, como as tarxetas intelixentes.

Os estándares da International Organisation for Standardisation, ISO 7810, ISO 7811, ISO 7812, ISO 7813, e ISO 4909, definen as propiedades físicas da tarxeta, incluíndo o tamaño, a flexibilidade, a localización da banda, e as características magnéticas.

A banda magnética[editar | editar a fonte]

Na maioría das tarxetas, a banda magnética está cuberta por unha película plástica. A banda magnética está situada a 5.66 mm do borde da tarxeta, e o seu ancho é de 9.52 mm. A banda magnética contén tres pistas, cada unha de 2.79 mm de ancho. As pistas un e tres, normalmente teñen unha densidade de 8.27 bits por mm, mentres que a pista dous acostuma a ter 2.95 bits por mm. Cada pista pode conter caracteres alfanuméricos de 7 bits, ou numéricos de 5 bits.

Existen dous tipos de bandas magnéticas: alta-coercitividade e baixa-coercitividade. As de alta coercitividade son máis difíciles de borrar, e polo tanto son axeitadas para tarxetas que son usadas frecuentemente ou que necesitan unha vida longa. As de baixa coercitividade requiren unha menor cantidade de enerxía para rexistrar a información, e polo tanto os dispositivos que escriben nestas tarxetas son máis baratos que os que son capaces de gravar información nunha tarxeta de alta coercitividade. Un lector de tarxetas poderá ler calquera das dúas variantes, pero os gravadores son exclusivos; non se poden gravar tarxetas de alta coercitividade con dispositivos de alta coercitividade, e viceversa.