Talo (talófitas)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Talo da briófita Ptilidium pulcgerrimum.
Alga do xénero Laminaria.
Micelio dun fungo.

O talo é o corpo vexetativo non diferenciado en raíz, talo ou caule e follas, formado por tecidos pouco ou nada diferenciados, propio dos vexetais que, por iso, se denominan talófitas, como as algas, os fungos, os liques e as briófitas.

Os dous talos, ou o talo e o cuale?[editar | editar a fonte]

En latín científico o talo denomínase thallus, plural thalli, termo que provén da latinización do grego clásico θαλλός (thallós), que significaba orixinariamente 'brote verde'.

Pero hai que ter en conta que o termo do latín científico thallus pode dar nas linguas románicas dous derivados, un pola vía popular, por exemplo, talo (en galego-portugués) ou tallo (en castelán), e outro pola vía culta, talo (en galego-portugués e castelán).[1] Polo tanto, nos textos de botánica adoita empregarse, en galego e portugués, para así diferenciar o termo talo, corpo vexetativo diferenciado das plantas superiores, as vasculares ou metáfitas do talo, corpo indeferenciado dos talófitos, o cultismo caule, derivado da tradución latina de θαλλός, caulis, -is [2] [3]

Así, por exemplo, a estrutura dun organismo que semella un talo denomínase taloide, taliforme ou taloso, -a. Mentres que cando tratamos de particularidades das plantas vasculares falamos de caulescente (con caule ben aparente), caulícola (planta que se desenvolve sobre o caule ou unha póla doutro), caulificación (formación do caule), caulifloro (que bota as flores no caule ou nas ramas), cauliforme (que ten forma de caule), etc.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Talo normalmente refírese ao corpo sinxelo dun organismo pluricelular no cal non hai diferenciación en tecidos biolóxicos nin, por tanto, en órganos.[5] [6] Aínda que os talos non están organizados en distintas partes como as follas, raíces e talos ou caules que si teñen as plantas vasculares, teñen estruturas análogas equivalentes e con funcións similares, e ás veces tamén estrutura macroscópica similar, pero con diferente estrutura microscópica; por exemplo, este talo non ten tecido vascular.

Pese a que o talo ten unha anatomía en gran parte indiferenciada, poden verse algunhas diferenzas. Unha alga lamimaria, por exemplo, pode ter o talo dividido en tres rexións: unha de ancorado ou de suxeición, o estípite e unhas láminas que fan a fotosíntese.

O talo dos fungos normalmente denomínase micelio, formado por finísimos filamentos chamados hifas. Nos liques tamén o talo se refire ao corpo vexetativo. Nas algas mariñas os talos ás veces denomínanse fronda.

O gametófito dalgunhas plantas non talófitas, como os fentos e plantas relacionadas hepáticas, denomínase protalo (prothallus, en latin científico).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cf. Font Quer, P. (1993): Diccionadio de botánica, volume II, páx. 1026, Barcelona: Labor.
  2. Caulis, -is m. Est Plantarum organum, inter folia et radices, in quo vasa lymphae (in libro seu phloemate) et lignum (seu xylema) fluunt. [Definición de caulis na Wikipedia en latín].
  3. caule s. m. BOTÂNICA parte do eixo de uma planta, que normalmente suporta as folhas. (Do gr. kaulós, "caule", pelo lat. caule-, "talo das plantas").
    talo s. m. fuste ou tronco de coluna sem base nem capitel; BOTÂNICA corpo da planta não diferenciado em caule e folhas (em oposição a cormo), como nas talófitas; caule; pecíolo herbáceo ou o seu prolongamento ao longo de uma folha vegetal; pé ~ diz-se do pé anormal flectido de modo que apenas o calcanhar assenta no solo (Do gr. thallós, "ramo verde", pelo lat. thallu-, "id.").
    Dicionário da língua portuguesa. Porto Editora, 8ª edição, 1998.
  4. Así, no VOLG, aínda que é un vocabulario sen definicións, é significativo que recolla os termos caule m, caulescente a, caulícolo m, cauliforme s e caulinar a.
  5. Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. Bareclona: Omega, 8ª ed., páx. 171.
  6. Haupt, Arthur W. (1953): Plant Morphology. New York: McGraw-Hill Book company, páx. 7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3
  • Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. Barcelona: Editiorial Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0

Outros artigos[editar | editar a fonte]