Talaiot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Un talaiot (do árabe hispano ṭaláya, en catalán talaiot, é frecuente a forma mixta talayot) é unha construción turriforme prehistórica das illas Gimnesias (Menorca e Mallorca). Ao ser o monumento prehistórico máis abundante nas dúas illas, deu nome a unha das etapas máis estudadas da prehistoria balear: a cultura talaiótica.

Características[editar | editar a fonte]

Talaiot circular en Mallorca.

O nome «talaiot» provén do árabe hispano ṭaláya, ‘atalaia’, pois, tanto pola súa forma como pola súa localización, estes monumentos parecen torres de vixilancia ou defensivas. A súa técnica construtiva, a base de grandes pedras encaixadas en seco, sen cemento nin argamasa, denomínase na actualidade técnica ciclópea, en alusión ás construcións micénicas da Antiga Grecia. Este termo debe distinguirse do termo megalítico, que caracteriza as obras das diversas culturas construtoras de dolmens.

Talaiot cadrado en Mallorca.

Na illa de Mallorca, a maioría dos talaiots pertencen a dous tipos claramente caracterizados: os talaiots circulares e os talaiots cadrados. Os primeiros son os máis abundantes, son de planta circular, as súas medidas oscilan entre os oito e os dezasete metros de diámetro, e adoitan estar orientados cara a outros monumentos. Os talaiots cadrados son de planta máis ou menos cadrada, case sempre con dúas das súas paredes orientadas cara aos solsticios ou aos seus equivalentes lunares, e cuxas medidas son máis estritas, case sempre entre os dez e once metros de lado. A súa localización espacial tamén os caracteriza: mentres que os talaiots circulares poden atoparse en poboados, illados, ou en centros cerimoniais, os talaiots cadrados atópanse practicamente sempre integrados en centros cerimoniais. Tanto os talaiots circulares como os cadrados teñen unha soa entrada, un corredor que atravesa os grosos muros (de até catro metros de grosor), e unha cámara interior provista dunha columna central.

Talaiot de Torellonet Vell (Menorca).

Na illa de Menorca, en lugar de haber un padrón que defina a forma e o tamaño destes turriformes, atopámonos que poden ser circulares ou ovalados, e até hai algúns con formas máis ou menos rectangulares ou absidais. Hainos moito máis grandes que en Mallorca, chegando até os trinta metros de diámetro. Uns son troncocónicos; outros son en chanzos, ou están rodeados por unha rampla espiral. Uns son macizos, con apenas uns angostos corredores no seu interior; outros teñen amplas cámaras que os asemellan aos de Mallorca. É posible que a cronoloxía dos talaiots menorquinos, e en especial a dos macizos, corresponda ao prototalaiótico, asimilándose aos túmulos de Mallorca. En cambio, os talaiots de cámara son sincrónicos aos talaiots de Mallorca, construídos durante o primeiro cuarto do primeiro milenio antes de Cristo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]