Gimnesias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Illas Gimnesias»)

As Illas Gimnesias (en catalán: Gimnèsies) é o nome dado polos gregos ás dúas illas maiores das Baleares, Mallorca e Menorca, habitadas entón polo pobo talaiótico. Os gregos distinguían así estas illas das Pitiusas (Eivissa e Formentera), despoboadas ata o século VII a. C.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Os gregos recrutaban aos hondeiros mallorquinos e menorquinos para formar tropas lixeiras, ás que denominaban gymnetas (en grego, gymnetas significa espido), aludindo non tanto a unha nueza completa, senón á escaseza do seu equipamento militar comparado, por exemplo, cos hoplitas, de armamento pesado. Xa que logo, e segundo os autores clásicos, as illas dos gymnetas non podían recibir outro nome que o de Gimnesias.

Os fenicios deron a estas dúas illas un nome distinto: Baliarides. Os romanos preferiron este topónimo ao dos gregos e isto fixo que a denominación de Gimnesias se perdese. A unidade administrativa que deu o Imperio Romano a Gimnesias e Pitiusas, co nome de insulae Baliares, condicionou que a longo prazo o nome de Baleares se asociase ao conxunto do arquipélago.

Uso da denominación[editar | editar a fonte]

Modernamente, retomouse a denominación antiga de Gimnesias (incluíndo tamén ás illas e illotes menores próximos a Mallorca e Menorca, como Cabrera e Dragonera), sobre todo en círculos académicos e científicos, onde é habitual recorrer ás fontes greco-latinas para elaborar cultismos e tecnicismos. Aínda que hai 2.500 anos a necesidade era saber distinguir entre as illas poboadas e as despoboadas, entre as conquistables e explotables e as que só podían ser obxecto de transaccións e intercambios, actualmente a necesidade científica é outra. A historia natural e a ecoloxía das illas fai necesario distinguir entre dous tipos de realidades distintas: unhas illas máis áridas que estarían desposuídas de vexetación e ocupadas principalmente por aves (Pitiusas) e unhas illas máis chuviosas con abundante vexetación arbórea e provistas de mamíferos (Gimnesias). Curiosamente, e posiblemente por isto se utilice a mesma terminoloxía que os gregos, estes feitos naturais deberon de condicionar fortemente o poboamento humano e, xa que logo, expliquen a distribución restrinxida ás illas de Mallorca e Menorca da cultura talaiótica.