Saltar ao contido

Supermarine Sea Lion I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Supermarine Sea Lion I
Representación esquemática
Imaxe
 Instancia de
Características
 Impulsado por
Implicados
 Fabricante
Dimensións
Lonxitude8,02 m Editar o valor en Wikidata
Masa907 kg Editar o valor en Wikidata
Envergadura10,67 m Editar o valor en Wikidata
Datas
 Primeiro voo
1919 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País de orixe
Códigos e identificadores
Freebase/m/03qmymq Editar o valor en Wikidata
Matrícula aeronaveG-EALP Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

O Supermarine Sea Lion I (orixinalmente chamado Supermarine Sea Lion) foi un hidroavión de carreiras británico deseñado e construído por Supermarine para o trofeo Schneider en Bournemouth, Inglaterra, en setembro de 1919. Estaba baseado nunha versión do Supermarine Baby, o primeiro hidroavión de combate monopraza deseñado e construído no Reino Unido, que voou por vez primeira en febreiro de 1918.

Rexistrado como G-EALP, o Sea Lion competiu con éxito contra un Avro 539 para gañar un lugar entre os participantes británicos. O 10 de setembro, o día da carreira, unha espesa néboa escureceu a ruta e fixo que o piloto Basil Hobbs fixese unha aterraxe non programada na auga. Tras engalar, o casco do aparello foi accidentalmente resgado. Posteriormente durante a carreira, mentres o avión estaba na auga, envorcou e afundiuse como resultado do accidente anterior. A carreira rematou en caos e o resultado foi anulado. O Sea Lion, danado irreparablemente, foi despezado.

Antecedentes e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O Sea Lion I foi desenvolvido para competir como participante británico na carreira polo trofeo Schneider de 1919, que se celebrara por última vez en 1914 con vitoria británica. O contexto de 1919 foi organizado polo Royal Aero Club.[1]

O novo avión estaba baseado nunha versión do Supermarine Baby,[2] que fora deseñado para cumprir a especificación N.1B da Xunta da Mariña. O prototipo do Baby foi o primeiro hidroavión de combate monopraza británico.[3][4] Impulsado finalmente por un motor de 200 cabalos (150 kW) Napier Lion en configuración pusher, o Baby voou por vez primeira en febreiro de 1918 cun motor de 150 cabalos.[3][5][6]

Un segundo Baby construído (aínda que nunca voou) foi entregado como pezas de reposto para apoiar as probas do primeiro avión.[4][7] Unha terceira máquina (N61) aínda estaba por montar cando o programa N.1B foi abandonado. O deseño do N61 era unha versión modificada do prototipo do Baby, e Supermarine presentou o deseño no seu folleto de 1919. Chamado 'A' Single Seater Flying Boat, o avión foi escollido para participar no trofeo Schneider de 1919.[7]

Esquema do 'A' Single Seater Flying Boat

O N61 tiña un deseño de casco patentado producido polo xefe de deseño de Supermarine William Hargreaves en 1918.[7] O casco do N61, que estaba na forma orixinalmente deseñada por Linton Hope para o AD Flying Boat, puido ter sido usado para o Sea Lion I.[1][8]

O Sea Lion foi deseñado cunha sección transversal cara a popa que apuntaba cara a arriba. O morro deseñouse para desviar a auga.[7] As ás foron deseñadas de novo cunha corda máis pequena da que se utilizara no Baby orixinal, con aleróns modificados na á superior, e un temón e elevadores agrandados.[7] As dúas ás tiñas diferentes envergaduras, e os puntais que os conectaban aparecen cara fóra.[1] O Sea Lion estaba impulsado por un primeiro exemplo dun motor Napier Lion, prestado polos seus construtores, que tiña a súa propia montaxe.[1][9]

Reginald Joseph Mitchell, que comezara a traballar para Supermarine en 1916 e converteuse no xefe de deseño da compañía despois de Hargreaves, é probable que tivese unha implicación no deseño do Sea Lion e que axudase a preparalo para o trofeo.[9]

Historial operacional

[editar | editar a fonte]
Peirao de Bournemouth, o punto de inicio do trofeo Schneider de 1919 visto o día da carreira dende un avión de Supermarine

Rexistrado como G-EALP, o Sea Lion foi presentado para participar no trofeo Schneider de 1919.[10] Para decidir que avións participarían na carreira celebrouse unha competición, xa que cada país só podía levar tres aeronaves e catro empresas británicas querían participar.[9] O Sea Lion competiu contra outro biplano, un Avro 539. O Sea Lion aproveitou para equiparse cunha hélice acabada de chegar, despois de que o Avro fose danado accidentalmente antes do inicio das probas. Durante a competición o Sea Lion demostrou ser máis lento que o Avro, pero, con todo, foi seleccionado en función do seu rendemento,[9] quedando o Avro en reserva.[1]

O 10 de setembro, o día da competición,[11] Henri Biard de Supermarine levou no avión a pasaxeiros de pago pola baía Swanage.[12] O inicio da carreira atrasouse ata as 5 da tarde debido á brétema.[13]

Sea Lion I na auga

O Sea Lion chegou ao redor da 1 da tarde e foi amarrado xunto a unha embarcación de Supermarine, o Tiddleywinks. Antes do inicio da carreira, o Sea Lion permanecía no mar, evitando así os danos causados aos seus rivais que estaban na praia de Cowes. Os avións intactos puxéronse en marcha, pero a espesa néboa escureceu o percorrido da carreira e, en pleno voo, o piloto do Sea Lion, o líder de escuadrón Basil D. Hobbs, viuse obrigado a aterrar para recalcular a súa orientación, que perdera sobre a baía de Swanage. Ao engalar, inadvertidamente, fixo un buraco no casco do avión despois de golpear flotadores na auga. O danado aparello aterrou preto do peirao de Bournemouth para a aterraxe obrigatoria da primeira volta, pero envorcou e afundiuse, e Hobbs viuse na obriga de deixar a carreira. Hobbs foi recollido do lugar do naufraxio, e os restos do avión foron remolcados ao peirao de Boscombe dende onde regresaron ás instalacións de Supermarine en Woolston, Southampton. A aeronave estaba demasiado danada como para ser reparada.[12][13][14]

A carreira rematou en caos debido á brétema e os resultados anuláronse.[12] O concurso fixo que o perfil de Supermarine xurdise da escuridade, pero a perda do Sea Lion foi un duro golpe para a empresa.[15] Os danos no casco reparáronse e en 1921 foi doado ao Science Museum en Londres, onde quedou exposto. En 1928, co consentimento de Supermarine, desmantelouse o xa obsoleto casco.[16]

Especificacións

[editar | editar a fonte]

Datos de Supermarine Aircraft Since 1914.[17]

Características xerais

[editar | editar a fonte]
  • Tripulación: 1
  • Lonxitude: 8,03 m
  • Envergadura superior: 11 m
  • Envergadura inferior: 8,61 m
  • Superficie alar: 35 m2
  • Peso baleiro: 907 kg
  • Peso bruto: 1 315 kg
  • Planta de potencia: 1 motor de pistón refrixerado por auga Napier Lion IA W-12 de 450 hp (340 kW)
  • Hélices: hélice de madeira de paso fixo de 4 pas

Rendemento

[editar | editar a fonte]
  • Velocidade máxima: 237 km/h
  • Autonomía: 2 horas e 30 minutos
  1. 1 2 3 4 5 Andrews & Morgan 1981, p. 57
  2. Eves 2001, p. 52
  3. 1 2 Lewis 1979, p. 126
  4. 1 2 London 2003, p. 37
  5. Allward 1988, p. 56
  6. Bruce 1957, p. 647
  7. 1 2 3 4 5 Pegram 2016, p. 22
  8. Andrews & Morgan 1981, p. 355
  9. 1 2 3 4 Pegram 2016, p. 23
  10. Eves 2001, pp. 52, 56
  11. "Airisms from the Four Wings". Flight. London: Royal Aero Club. 7 August 1919. p. 1063.
  12. 1 2 3 Pegram 2016, pp. 23-24
  13. 1 2 Andrews & Morgan 1981, p. 58
  14. Eves 2001, pp. 55-59
  15. Pegram 2016, pp. 24, 26
  16. Andrews & Morgan 1981, p. 59
  17. Andrews & Morgan 1981, p. 68

Bibliografía

[editar | editar a fonte]