Stefania (cráter)
Meitner | |
---|---|
Tipo de accidente xeolóxico | Cráter |
Accidente xeolóxico de | Venus |
Diámetro | 11,7 km[1] |
Profundidade | ? |
Coordenadas | 51,3° N 333,3° E[1](coord. centrais) |
Procedencia do nome | nome de pila romano.[1] |
Stefania é un cráter de impacto que está situado no norte da rexión Sedna Planitia, no planeta Venus. É un cráter pequeno, cun diámetro de só 11,7 km,[1] e é polo tanto un dos cráteres máis pequenos de Venus. A causa de que a meirande parte dos meteoritos de tamaño relativamente pequeno se desintegran mentres atravesan a profunda e densísima atmosfera de Venus, non existen cráteres de menos de 3 km de diámetro e os cráteres de menos de 25 km de diámetro son escasos. A forma asimétrica e escorada cara ao leste do material expulsado durante o impacto, suxire que o meteorito que orixinou este impacto traía unha traxectoria cun ángulo oblicuo. Cunha obsevación máis detallada, pódense delinear cráteres secundarios e sucos feitos polos grandes bloques de rochas expulsados do impacto do cráter principal. Chama tamén a atención a existencia dun halo escuro ó radar (algo frecuente nos cráteres de Venus) de gran tamaño, rodeando todo o cráter e o material espelido polo mesmo. Este halo escuro significa unha superficie suave, teorizase con que a onda de choque do impacto pulverizou o terreo rilleiro que existía previamente ou que sinxelamente, despois do impacto, estes terreos foron cubertos cunha capa de material fino procedente do material espelido polo propio impacto.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 USGS Astrogeology (ed.). "Planetary Names: Crater, craters: Stefania on Venus". Gazetteer of Planetary Nomenclature. Consultado o 17-12-2011.
- ↑ JPL/NASA (ed.). "PIA00475: Venus - Crater 'Stefania' in N. Sedna Planitia". Photojournal. Consultado o 01-12-2011.