Sokol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os astronautas Thomas Pesquet (ESA), Oleg Novitskii (Rusia) e Peggy Whitson (NASA) nos seus traxes Sokol durante o adestramento.

Sokol (falcón, en ruso) é o nome dunha familia de traxes espaciais soviéticos e rusos deseñados para actividades intravehiculares e protexer aos astronautas durante o lanzamento e a reentrada en caso de descompresión.[1]

Características[editar | editar a fonte]

O traxe Sokol orixinal, o Sokol SK-1, foi usado durante o programa Vostok para proporcionar ao astronauta das naves Vostok soporte vital auxiliar e elementos de supervivencia en caso de aterraxe lonxe dos equipos de rescate. Durante os inicios do programa Soiuz considerouse innecesario que a tripulación usara traxes para o interior das naves, pero despois da traxedia da Soiuz 11, na que finaron os seus tres ocupantes durante a reentrada debido a unha descompresión accidental, decidiouse utilizar un traxe que os protexera ante accidentes similares. O traxe, derivado do Sokol SK-1, foi denominado Sokol K1 e empezouse a utilizar a partir de 1971. Estreouse na Soiuz 12 e estaba deseñado para protexer ao astronauta nas fases de engalaxe, acoplamento e aterraxe, incluso coa nave completamente aberta ao espazo. Utilizouse ata 1979, no que o novo Sokol KV-2 colleu o relevo, usándose por primeira vez na misión Soiuz T-2, en 1980, sendo o traxe utilizado nas misións Soiuz actuais.[2][3][4]

Modelos[editar | editar a fonte]

Sokol SK-1[editar | editar a fonte]

O traxe Sokol orixinalmente usado nas naves Vostok. Era un traxe de presión completa con soporte de vida auxiliar e sistemas de supervivencia en caso de aterraxe lonxe dos equipos de rescate.[2]

Sokol K-1[editar | editar a fonte]

Un traxe Sokol máis avanzado para protexer aos cosmonautas das naves Soiuz. Foi posto a punto e probado en terra en 1972 e comezado a usar na Soiuz 12 en setembro de 1973. Tiña unha masa de 10 kg, estaba feito dunha peza (agás as luvas, que ían á parte) e era capaz de dar soporte vital en caso de despresurización total da nave. Cada traxe estaba conectado por umbilicais ao sistema de soporte vital da cápsula para proporcionarlle oxíxeno, enerxía eléctrica, ventilación e auga para arrefrialo. Era suficientemente flexible para permitir os movementos dos cosmonautas na cápsula presurizada durante a engalaxe, aterraxe e operacións de acoplamento. O traxe estaba composto por dúas capas intermedias, unha capa externa protectora de nailon de cor branco e unha capa interna de caucho. O casco integrado tiña unha capucha e un visor de plástico. O traxe foi deseñado para dar ata 30 horas de soporte nunha cabina presurizada e dúas nunha despresurizada e cada un estaba feito a medida de cada cosmonauta. Incómodos para camiñar na Terra debido a toda a súa estrutura interna, os cosmonautas debían levar unha unidade de refrixeración cando se dirixían á rampla de lanzamento para evitar o sobrequencemento. Foi substituído polo modelo KV-2 en 1980.[3]

Sokol KV-2[editar | editar a fonte]

Foi usado por primeira vez na Soiuz T-2, en 1980, e síguese usando nas misións Soiuz actuais. Entre as melloras respecto do K-1 inclúense un visor máis grande e a recolocación do regulador de presión no peito en lugar de nun lateral, como no K-1.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mark Wade (2024). "Sokol" (en inglés). Consultado o 27 de xaneiro de 2024. 
  2. 2,0 2,1 Mark Wade (2024). "Sokol SK-1" (en inglés). Consultado o 27 de xaneiro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 Mark Wade (2024). "Sokol-K1" (en inglés). Consultado o 27 de xaneiro de 2024. 
  4. 4,0 4,1 Mark Wade (2024). "Sokol-KV2" (en inglés). Consultado o 27 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]