Soberanía alimentaria
A soberanía alimentaria é un concepto que foi introducido con maior relevancia en 1996 pola Vía Campesina en Roma, con motivo do Cumio Mundial da Alimentación da Organización para a Alimentación e a Agricultura (FAO).
Defínese como a facultade de cada Estado para definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo con obxectivos de desenvolvemento sostible e seguridade alimentaria. Isto implica a protección do mercado doméstico contra os produtos excedentarios que se venden máis baratos no mercado internacional, e contra a práctica do dumping (venda por debaixo dos custos de produción).
Este novo concepto constitúe unha ruptura en relación á organización actual dos mercados agrícolas posta en práctica pola OMC. En contraste á seguridad alimentaria definida pola FAO, que se centra na dispoñibilidade de alimentos, a soberanía alimentaria incide tamén na importancia do modo de produción dos alimentos e a súa orixe. Resalta a relación que ten a importación de alimentos baratos no debilitamento de produción e poboación agraria locais.
Historia
[editar | editar a fonte]A sociedade civil foi chamada a contribuír no Cumio Mundial da Alimentación nun foro paralelo, o Foro Mundial pola Seguridade Alimentaria, durante o cal, a Via Campesina lanzou este principio da Soberanía Alimentaria. O Plan de Acción do Foro de Roma de 1996 – Alimentos para Todos, Non Beneficios para uns Poucos - xa fixo fincapé no papel crucial que a sociedade civil podía e debía xogar para aplicar os compromisos dos gobernos asinantes da declaración do Cumio Mundial da Alimentación. Posteriormente tres eventos mundiais reuniron os movementos sociais e a sociedade civil no seu conxunto para avanzar no concepto de Soberanía Alimentaria: agosto de 2001, o Foro Mundial pola Soberanía Alimentaria da Habana; xuño de 2002, o Foro de ONG/OSC para a Soberanía Alimentaria de Roma, paralelo ao Cumio Mundial da Alimentación: cinco anos despois; febreiro de 2007, Nyéléni 2007 – Foro Internacional sobre Soberanía Alimentaria, Sélingué, Malí.
A definición que este principio obtivo no Foro de 2002 de Roma foi: “A soberanía alimentaria é o DEREITO dos pobos, comunidades e países a definir as súas propias políticas agrícolas, pesqueiras, alimentarias e de terra que sexan ecolóxica, social, económica e culturalmente apropiadas ás súas circunstancias únicas. Isto inclúe o verdadeiro dereito á alimentación e a producir os alimentos, o que significa que todos os pobos teñen o dereito a unha alimentación sa, nutritiva e culturalmente apropiada, e á capacidade para manterse a si mesmos e ás súas sociedades.”
Políticas
[editar | editar a fonte]Os partidarios do concepto de soberanía alimentaria propoñen un marco para o goberno das políticas agrícolas e alimentarias que incorpora unha ampla serie de temas, como a reforma agraria, o control do territorio, os mercados locais, a biodiversidade, a autonomía, a cooperación, a débeda, a saúde e outros relacionados coa capacidade de producir alimentos localmente.
Abrangue políticas referidas non só a localizar o control da produción e dos mercados, senón tamén a promover o dereito á alimentación, o acceso e o control dos pobos á terra, auga, recursos xenéticos e á promoción dun uso ambientalmente sostible da produción.
En febreiro de 2007 tivo lugar o Foro pola Soberanía Alimentaria en Nyeleni (Kenya) organizado pola Vía Campesina e a Marcha Mundial das Mulleres. O seu obxectivo, en palabras da activista e participante no Foro Esther Vivas era: “levar a cabo un debate estratéxico sobre o que se entende dende os movimientos sociais por soberanía alimentaria, que propostas concretas se reivindican e como levalas a cabo”.[1]
No Foro de Nyeleni enfatizáronse tamén os vínculos entre o movemento pola soberanía alimentaria e o movemento feminista, debido ao papel central que xogan as mulleres no mundo rural. Esther Vivas sinalou que “as mulleres tiveron un papel central como dinamizadoras e participantes no evento. Un día antes do inicio do foro celebrouse, no mesmo recinto, un encontro promovido pola Marcha Mundial das Mulleres con dous obxectivos concretos: pór en común as opinións das mulleres sobre a soberanía alimentaria e estabelecer achegas conxuntas ao foro. As mulleres reunidas reclamaron o mito de Nyéléni, unha muller campesina maliense que loitou por afirmarse como muller nun contorno desfavorable. De feito, o Foro pola Soberanía Alimentaria recibiu o sobrenome de Nyéléni en homenaxe a esta lenda.”.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- [1] Foro para a Soberanía Alimentaria. 23 - 27 de febreiro de 2007. Sélingué. Mali
- FIAN Organización internacional que loita para que se cumpra o dereito á alimentación no mundo e denunciar as súas violacións. Ten estatuto consultivo nas Naciones Unidas.
- IPC Food Sovereignty Rede internacional que reúne as organizaciones dea sociedade civil e movementos que traballan programas e asuntos relacionados coa soberanía alimentaria.